Cervo celebrará esta fin de semana a Festa na Honra da Virxe das Dolores

AMariñaXa
A festividade incluirá música, gastronomía e actos relixiosos entre o 20 e 22 de setembro, co apoio do Concello e a asociación Virxe das Dolores
Festa Virxe das Dores en Cervo
16 sep 2024

Cervo prepárase para acoller a tradicional Festa na Honra da Virxe das Dolores a vindeira fin de semana, do 20 ao 22 de setembro. Os festexos, organizados pola asociación Virxe das Dolores en colaboración co Concello, contarán cunha variada programación para todos os públicos.

A antesala das celebracións terá lugar o venres 20 de setembro coa ruta 'Venres de Petiscos', que pasará polos locais A Sacabeira, O Almacén, O Caseto de Copa e A Taberna de Sargadelos.

O sábado 21 comezará oficialmente a festa cunha sesión vermú ás 14.00 horas a cargo de Louband Street Band, que tamén actuará pola noite na verbena, a partir das 22.30 horas, acompañada pola Disco Móbil Conxuro.

O domingo 22, a xornada estará marcada polos actos relixiosos, incluíndo unha misa solemne ás 13.00 horas, cantada polo Coro de Cervo e seguida dunha procesión acompañada polo grupo Fol do Raxal. A celebración culminará coa sesión vermú prolongada da Disco Móbil Conxuro.

O Concello de Cervo anima a toda a veciñanza e visitantes a participar activamente nesta festa, que pon fin ao verán e dá a benvida ao outono, mantendo vivo o espírito de convivencia e alegría que caracteriza estas celebracións.

0.13102602958679