Cervo celebra unha Semana Santa chea de música, tradicións e actividades para todas as idades

AMariñaXa
O Concello deseña unha programación variada que inclúe rutas a cabalo, estas, espectáculos infantís, obradoiros e propostas para a conciliación familiar
Cervo-actividades-semana-santa-2025
13 Apr 2025

O Concello de Cervo vén de presentar unha programación de Semana Santa pensada para todos os públicos e gustos, cunha ampla oferta cultural, lúdica e deportiva que abrangue desde o sábado 12 ata o domingo 20 de abril. Concertos, rutas cabalares, teatro infantil, festas temáticas e iniciativas para facilitar a conciliación familiar son algunhas das propostas previstas para estas datas de descanso.

As celebracións comezan este sábado coa IX Foliada Nordestía, organizada pola asociación A Rebolaxe coa colaboración do Concello. Haberá cantos de taberna ao mediodía, un xantar popular e múltiples actividades ao longo do día, culminando á noite cos concertos de Xisco Feijóo, Tumba e Dálle e A Requinta da Laxeira.

O domingo 13 será a quenda da II Ruta Cabalar, organizada polos Cabaleiros da Bidueira. A saída terá lugar ás 10:00 horas desde o pavillón de San Román e incluirá un aperitivo a medio camiño dun percorrido de arredor de 15 quilómetros. Ao remate da ruta, no polideportivo, haberá sesión vermú e animación musical con Dismo Móbil Conxuro, ademais dun xantar baseado en paella, costela asada e sobremesa.

Pensando nas familias, o Concello activa unha nova edición de Cervo Concilia, un programa xa consolidado que busca facilitar a organización doméstica durante as vacacións escolares. Terá lugar os días 14, 15, 16 e 21 de abril, en horario de 8:30 a 14:30 horas, na Casa do Mar, e conta xa con máis de trinta crianzas inscritas.

Complementando esta proposta, tamén se ofrecerá a actividade “Ra Ramira en Semana Santa”, entre as 16:30 e as 17:30 horas. O luns 14 estará dirixida a nenos de 3 a 5 anos, o martes 15 para os de 6 a 9, o mércores 16 para os de 10 a 12, e o luns 21 para crianzas de entre 6 e 12 anos. As inscricións poden formalizarse na Casa da Cultura en horario de mañá.

Ademais, os días 14, 15 e 16, a Praza dos Campos acollerá actividades infantís de mañá e tarde, mentres que o domingo 14 ás 19:00 horas, a Praza dos Souto será escenario da obra infantil “Fazulas e o ladrón de paraugas”, organizada por Airiños do Xunco e o propio Concello.

O martes 15 ás 19:30 horas será a quenda de Paco Nogueiras, co espectáculo musical “Brinca Vai!”, tamén na Praza dos Souto. Este espazo volverá acoller o domingo 20, ás 19:00 horas, a actuación dos Cantaberneiros, coincidindo coa celebración da Pascua de Trasbar, organizada pola Asociación de Veciños do Burgo de Trasbar.

Entre as novidades da programación destaca a Festa Country, que organizará o alumnado de 2º de Bacharelato do IES Marqués de Sargadelos o mércores 16 ás 20:30 horas na Praza dos Campos.

Outra das citas máis esperadas será a Gran Festa das Xeracións, promovida por terceiro ano consecutivo polo club de trail A Fume de Carozo. Esta celebración, que terá lugar tamén na Praza dos Campos, inclúe música de DJ Pablo Conxuro, sorpresas e sorteos. As entradas teñen un prezo de 35 euros para non socios e 30 euros para socios, e poden adquirirse en varios establecementos de San Ciprián, Xove e Burela.

Para completar a oferta, o Concello tamén porá a disposición de quen o desexe o alugueiro de bicicletas eléctricas os días 17 e 18 na Praza Nardo Martínez, e os días 19 e 20 na Praza do Souto, en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.

Desde o goberno municipal convidan tanto á veciñanza como a visitantes a achegarse a Cervo nesta Semana Santa para “vivir xuntos uns días de diversión, encontro e lecer para toda a familia”.

⚙ Configurar cookies
0.12412309646606