Cervo celebra a XVI Festa de Exaltación da Carne do Porco cunha xornada gastronómica e festiva

Cervo prepárase para acoller unha das súas citas máis saborosas do ano. O vindeiro sábado, 21 de xuño, terá lugar a XVI edición da Festa de Exaltación da Carne do Porco, unha celebración xa consolidada no calendario cultural e gastronómico do municipio. A actividade desenvolverase tanto na Praza do Souto como nos distintos establecementos hostaleiros de Cervo e Sargadelos.
A rexedora Dolores García Caramés e membros da A.C. Airiños do Xunco presentaron esta nova edición do evento no mesmo escenario onde se celebrará, destacando o papel fundamental da asociación organizadora, que este ano conmemora o seu 50 aniversario. “É un orgullo poder contar cun colectivo como Airiños do Xunco, que mantén viva a tradición e impulsa iniciativas que poñen en valor a nosa cultura e gastronomía”, sinalou a alcaldesa, quen convidou á veciñanza e aos visitantes a participar na festa e gozar da riqueza culinaria da contorna.
Desde o mediodía, os bares e restaurantes participantes ofrecerán propostas gastronómicas cun ingrediente común: a carne de porco. No Caseto de Copa poderanse degustar volováns recheos de raxo e cogomelos, ademais de albóndegas con tomate. O Almacén servirá callos e pastel salgado, mentres que na Taberna de Sargadelos haberá orella e rabo con patacas. A Sacabeira súmase á festa con chourizos á sidra e torresmos de Soria. Cada local achegará a súa visión propia deste produto emblemático da cociña galega.
A partir das 20:00 horas, a Praza do Souto converterase no epicentro da celebración, coa degustación popular de racións de costela, chourizo, pan e viño, todo a un prezo popular de 7 euros. A festa estará animada por música en directo, xerando un ambiente festivo e familiar.
Durante a xornada tamén se realizará o sorteo dun porquiño, un dos momentos máis agardados do día. Dende o Concello subliñan que esta celebración, ademais de promover a gastronomía local, dinamiza a vida social do municipio e serve de escaparate para a hostalería da zona.
A alcaldesa animou a toda a comarca a achegarse a Cervo: “Será unha xornada para saborear os mellores produtos da nosa terra e compartir momentos de lecer e tradición”.