Cervo celebra a Queimada Popular como colofón final das súas festas
O Concello de Cervo remata a celebración das Festas na Honra da Nosa Señora, San Roque e o Carme coa Queimada Popular, festa declarada de Interese Turístico Galego, organizada por Airiños do Xunco. A cita foi presentada pola rexedora, Dolores García Caramés, pola tenente alcalde, Mali Méndez, e por unha representación da A.C. Rego Cachón que organiza as Festas Patronais e de Airiños do Xunco que se encarga da Queimada e tamén da Festa do Ovo Frito, xunto á asociación Cabaleiros da Bidueira.
Este sábado 17 de agosto, terá lugar a XLVI Queimada Popular de Cervo, organizada por Airiños do Xunco, coa colaboración do Concello, que contará con Mercado Tradicional xa desde pola mañá, a partir das 10:00 horas. A partir das 13:00 horas será o desfile de autoridades pola Aldea que se encargarán de dar o pregón da Festa, acompañados polo grupo Medio Quiñón, de Burela. A partir das 23:00 horas será o desfile da comitiva que partirá das Escolas Vellas de Cervo ata a Praza do Souto, onde terá lugar a tradicional representación protagonizada polas forzas do ben e do mal.
Ao remate servirase Queimada e actuarán Ruxe Ruxe, a Charanga Eravisto e ao Discomóbil Conxuro. O Concello anima a veciños e visitantes a gozar destas Festas que reúnen cada ano a veciños, amigos e familia nunha contorna única como é o núcleo de Cervo.