Cervo celebra a posta en marcha da Xincana A Fume de Carozo

O Concello de Cervo apoiou a instalación da Xincana A Fume de Carozo, unha nova zona de xogo e lecer creada polo club de trail A Fume de Carozo dentro do plan de acción social de Alcoa, situada na contorna natural do Paseo da Ponte Romana de Lieiro.
A iniciativa ten como obxectivo fomentar a actividade física, o xogo ao aire libre e o contacto coa natureza entre os nenos e nenas e a mocidade, contribuíndo á promoción de hábitos saudables e ao respecto polo medio ambiente. O proxecto aposta pola sostibilidade e a integración co entorno natural, empregando materiais reciclados e elementos como troncos, pedras e cordas.
Na instalación da xincana participaron a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e o concelleiro, Alfredo Fernández, que puxeron en valor o traballo e a implicación do club A Fume de Carozo.
“Desde o Concello queremos recoñecer o esforzo e compromiso deste club, que non só promove o deporte, senón tamén a educación en valores e o coidado do medio ambiente. Animamos a toda a veciñanza a desfrutar deste espazo que combina xogo, natureza e convivencia”, destacou a alcaldesa.
A Xincana A Fume de Carozo ofrece un conxunto de probas e estruturas adaptadas a diferentes idades, con elementos accesibles para nenos e nenas con discapacidades, garantindo así un espazo inclusivo, seguro e educativo.