Cervo busca garantir o abastecemento en Trasbar cun novo proxecto da man da Xunta

AMariñaXa
A conselleira de Medio Ambiente compromete apoio técnico e económico para estudar a ampliación da rede de auga na parroquia de San Xiao de Castelo
Cervo-reunion-conselleria-medio-ambiente-2025
27 Jun 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mantivo este xoves un encontro coa alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, co obxectivo de avanzar nunha solución para mellorar o servizo de abastecemento de auga na parroquia de San Xiao de Castelo, concretamente na zona de Trasbar.

Durante a reunión, analizouse o proxecto presentado polo Concello de Cervo para completar a rede municipal de subministración de auga potable nesa zona, onde parte do vecindario depende aínda de pozos privados e fontes públicas, o que condiciona a calidade e estabilidade do servizo.

Vázquez trasladou á rexedora que os técnicos de Augas de Galicia avaliarán en detalle a proposta para valorar a súa viabilidade e estudar as vías de financiamento máis axeitadas para facer realidade a actuación. Segundo indicou, a Xunta manterá a súa liña de colaboración cos municipios, tanto a nivel técnico como económico, co fin de que poidan exercer as súas competencias en materia hídrica con eficacia e ofrecer un servizo de calidade aos seus habitantes.

Neste sentido, a conselleira lembrou que o ente Augas de Galicia dispón este ano dun orzamento de 144 millóns de euros para seguir impulsando a mellora das redes de saneamento e abastecemento, así como para desenvolver actuacións formativas, campañas de concienciación e medidas activas fronte ao cambio climático.

As políticas actuais, sinalou, céntranse en optimizar o uso da auga, reducir a pegada hídrica en Galicia e anticiparse aos efectos do cambio climático mediante investimentos en infraestruturas, mapas de risco e a creación de corredores verdes que contribúan a minimizar o impacto das inundacións.

⚙ Configurar cookies
0.120041847229