Cervo avanza na transformación urbana cunha renovación integral da Rúa Rosalía de Castro

O Concello de Cervo está a desenvolver estes días unha actuación integral na Rúa Rosalía de Castro, unha das vías máis transitadas e estratéxicas do núcleo de San Cibrao. O proxecto, concibido como unha intervención prioritaria, ten como finalidade ampliar os espazos destinados ás persoas peonís, mellorar a accesibilidade e renovar o firme da calzada, incrementando así o confort e a seguridade de toda a cidadanía.
A obra céntrase, por unha banda, na ampliación das beirarrúas situadas xunto ao xardín, co obxectivo de acadar un ancho adecuado que facilite a circulación peonil en condicións óptimas. No lado contrario da vía estase a renovar o pavimento das beirarrúas existentes, mantendo a súa anchura actual. Todo o conxunto executarase con lastra de formigón, co que se busca harmonizar a imaxe da zona e darlle continuidade estética á recentemente renovada Rúa Concepción Arenal.
No ámbito da circulación rodada, os traballos inclúen unha rehabilitación superficial da calzada, que pasa polo fresado de cinco centímetros da capa de rodadura actual e pola aplicación dunha nova capa asfáltica, respectando tanto as pendentes como as rasantes previamente existentes.
O proxecto complétase coa renovación da sinalización horizontal, a posta a cota de tapas de pozos e arquetas, a reposición do mobiliario urbano afectado —como vados, contedores e sinais— e diversas actuacións puntuais nas redes de saneamento e abastecemento, así como a adaptación dos sumidoiros aos novos anchos das beirarrúas. Tamén se levará a cabo a renovación do alumeado público.
A alcaldesa de Cervo supervisou a evolución das obras acompañada da concelleira Mali Méndez e do edil Adrián Arias. A rexedora destacou que “a Rúa Rosalía de Castro é unha arteria clave no centro de San Cibrao, e esta intervención permítenos gañar espazo para os peóns e reforzar a accesibilidade e a seguridade”. Engadiu ademais que este tipo de proxectos “modernizan o núcleo urbano e adáptano ás necesidades actuais da veciñanza, apostando por unha vila máis cómoda, sostible e pensada para as persoas”.
Subliñou tamén que se trata “dunha obra profunda, non só estética, que supón a renovación completa de pavimentos, beirarrúas e infraestruturas desgastadas polo paso do tempo”, e incidiu en que o Concello está a actuar “con planificación, empregando os recursos municipais para ofrecer solucións integrais e duradeiras”.
A alcaldesa concluíu afirmando que “investir nos espazos públicos é investir en calidade de vida, en accesibilidade e en seguridade para a veciñanza”. As obras, que inclúen tamén a renovación da Rúa do Farillón, supoñen un investimento total de 302.185 euros financiados integramente con remanente municipal.