Cervo avanza na rehabilitación da antiga escola de Rúa para convertela nun novo espazo cultural

AMariñaXa
O Concello inviste preto de 50.000 euros na mellora integral dun edificio histórico que será punto de encontro veciñal
Cervo-Escuela-unitaria-rua-2025
1 Dec 2025

O Concello de Cervo deu comezo aos traballos de rehabilitación da antiga Escola Unitaria de Rúa, un inmoble de 226 metros cadrados que será transformado nun espazo cultural destinado ao uso veciñal. A intervención, financiada parcialmente a través dunha subvención da Xunta de Galicia, supón un investimento que rolda os 50.000 euros e permitirá recuperar un edificio cun forte valor simbólico para a parroquia.

As obras contemplan a mellora da envolvente do inmoble mediante trasdosados con illamento de lana mineral, a aplicación de pintura de maior duración e a renovación dos revestimentos interiores, co obxectivo de garantir un mellor confort térmico e lumínico. O proxecto tamén inclúe a instalación de sistemas de ventilación con recuperador de calor e iluminación LED —tamén en puntos de emerxencia—, medidas que aumentarán a eficiencia enerxética e reforzarán a seguridade do recinto.

A alcaldesa de Cervo desprazouse ao lugar acompañada do concelleiro Adrián Arias para supervisar o avance das actuacións. Alí destacou que “esta intervención non só permite recuperar un edificio histórico do noso municipio, senón que crea un espazo de encontro para a veciñanza e un referente para as actividades culturais”. Engadiu ademais que “apostar polos locais sociais é esencial para manter viva a vida comunitaria nas parroquias”.

O Concello subliña que esta iniciativa se enmarca nunha estratexia continuada de mellora dos locais sociais en todo o municipio, destinando fondos públicos para renovar, de forma progresiva, os espazos de convivencia de cada burgo e parroquia. Segundo indican, estas actuacións contribúen a dinamizar a vida comunitaria, favorecendo a socialización e reforzando a vitalidade das zonas rurais.

⚙ Configurar cookies
0.069306135177612