Cervo avanza na accesibilidade da praia do Torno cunha nova pasarela no extremo sur

AMariñaXa
O Concello agradece a colaboración de Costas na instalación dun acceso desmontable de madeira nun areal de gran valor ambiental e social
Cervo-pasarela-praia-O-Torno-2025
30 May 2025

O Concello de Cervo continúa a dar pasos firmes na mellora da accesibilidade ao areal do Torno, un espazo moi frecuentado pola veciñanza e os visitantes, especialmente durante os meses de verán. A última actuación en marcha consiste na colocación dunha nova pasarela de madeira desmontable no extremo sur da praia, zona que ata o de agora carecía deste tipo de conexión adaptada.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, remitiu nos últimos meses unha solicitude formal ao Servizo Provincial de Costas —organismo competente na materia— para que incluíra esta actuación dentro da súa planificación. A resposta foi positiva, e estes días xa se están levando a cabo os traballos de instalación dun paso accesible de aproximadamente 60 metros de lonxitude e 2 metros de ancho.

Segundo se recolle na documentación enviada, esta actuación é plenamente compatible coa normativa vixente en materia de costas e protección ambiental, ao executarse integramente en dominio público marítimo-terrestre e non afectar a espazos protexidos nin incluídos na Rede Natura 2000.

A rexedora, que supervisou a actuación acompañada pola concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, quixo destacar e agradecer a receptividade do organismo estatal: “A resposta de Costas foi moi favorable, e valoramos moito que se poñan en marcha obras que reforzan a accesibilidade e o respecto ao medio”.

O deseño da nova estrutura segue criterios de integración paisaxística e presenta unha estética similar á do acceso xa existente na zona norte da praia, que foi moi ben acollido pola cidadanía. Esta actuación súmase a outras xa executadas polo Concello en materia de conservación ambiental, como o balizado das formacións dunares no propio Torno e en Cubelas, ou a restauración ecolóxica do sistema dunar entre a pasarela e o paseo marítimo.

A proposta municipal inclúe tamén a recuperación do espazo comprendido entre o novo acceso e o muro da estrada superior mediante a plantación de especies autóctonas dunares. O Concello comprométese a asumir a conservación e o mantemento de todas as obras unha vez rematadas.

Deste xeito, o executivo local reforza o seu compromiso cun modelo de turismo sostible, respectuoso co medio e que garanta o acceso universal aos seus principais recursos naturais.

⚙ Configurar cookies
0.48548984527588