Cervo aposta un ano máis polo material reciclado para os adornos de Nadal
O Concello de Cervo aposta un ano máis polo material reciclado para a confección de adornos propios do Nadal.
Ademais da decoración a partir de residuos procedentes do medio mariño -situada no espazo verde contiguo á Casa do Mar en San Cibrao- a delegación de Medio Ambiente repartiu polas parroquias do municipio varios bonecos de neve confeccionados a partir de pneumáticos.
Os bonecos tamén contan con outro tipo de residuos como escobas sen uso, redes e cabos extraídos da costa (bufanda), testos (sombreiro), tapóns (boca), refugallos de madeira (nariz) e demais anacos de plástico (ollos).
O obxectivo principal desta iniciativa é didáctico coa fin de incidir na concienciación da veciñanza sobre a importancia que ten a reciclaxe para o medio ambiente, así como de ensinar que a reutilización de materiais que contribúen á contaminación, pode resultar tamén divertido e proveitoso. Ademais, estes novos adornos veñen complementar a xa tradicional decoración de Nadal instalada nas diferentes zonas do Concello e enxalzan o espírito de Nadal das parroquias.