Cervo aposta pola forxa tradicional cun curso impartido por Telmo Cao en Sargadelos

O Concello de Cervo promove unha nova proposta formativa centrada na recuperación dos oficios tradicionais coa colaboración do artesán Telmo Cao, que impartirá un curso de iniciación á forxa do 4 ao 8 de agosto no seu obradoiro, situado na antiga nave de fundición de Sargadelos. A actividade terá lugar nun escenario único: un edificio histórico do século XVII que forma parte do Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, recuperado no ano 2017 e cedido polo Concello ao artesán no 2020 para contribuír á dinamización do patrimonio cultural local.
O curso, cun número limitado de prazas, está dirixido a persoas que desexen iniciarse nesta disciplina artesanal a través dunha formación teórico-práctica. Está parcialmente subvencionado polo Concello co obxectivo de facilitar o acceso á formación e fomentar a conservación dos saberes tradicionais. “Trátase de poñer en valor o noso patrimonio material e inmaterial, e de conectar á veciñanza con el”, sinalou a alcaldesa, que subliñou a importancia de manter vivos os oficios manuais como parte da identidade do municipio.
Telmo Cao, que leva anos dedicándose á forxa artística e á escultura en metal, considera esta nova convocatoria unha oportunidade para transmitir coñecementos, crear comunidade e contribuír á continuidade dunha tradición enraizada no territorio. O seu taller é tamén un espazo creativo no que se elaboran pezas únicas por encargo e que agora abre de novo as súas portas para compartir a paixón por un oficio milenario.