Cervo aposta pola eficiencia enerxética coa renovación da Casa do Mar

O Concello de Cervo vén de completar unha importante actuación de modernización na Casa do Mar, centrada na mellora da eficiencia enerxética deste edificio municipal que acolle parte da actividade social, educativa e cultural do municipio. O investimento total ascendeu a 89.746,68 euros, dos cales a metade foi financiada a través dunha subvención da Xunta de Galicia, mediante o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea con fondos NextGenerationEU.
Os traballos consistiron na retirada da antiga caldeira de gasóleo, en funcionamento desde o ano 1990, e a súa substitución por dúas modernas caldeiras en tándem de biomasa (pellets). Ademais, instaláronse silos de almacenaxe e realizouse unha reforma integral da sala de máquinas, que agora conta con sistemas de ventilación e regulación máis eficientes, circuladoras de alta eficiencia, contadores de enerxía e novas medidas de protección contra incendios. Toda a intervención cumpre coas esixencias do Regulamento de Instalacións Térmicas nos Edificios (RITE 2019) e co Código Técnico da Edificación (CTE-DB-SI).
A alcaldesa, Dolores García Caramés, desprazouse ata a Casa do Mar para supervisar o resultado das obras e subliñou a relevancia da actuación. “Este proxecto supón un paso moi importante para mellorar as instalacións da Casa do Mar, reducindo consumos enerxéticos e apostando por unha fonte renovable como a biomasa, que é máis sostible e respectuosa co medio ambiente”, destacou.
Engadiu tamén que este edificio “é un espazo fundamental para a vida social de Cervo: nel atópase a escola infantil, celébranse actividades deportivas e culturais e serve de punto de encontro para diferentes asociacións do municipio. Con esta mellora garantimos un servizo máis eficiente e un maior confort para todas as persoas usuarias”.
Con esta intervención, o Concello de Cervo reafirma a súa aposta pola eficiencia enerxética e pola sostibilidade, modernizando infraestruturas municipais clave e contribuíndo á redución das emisións contaminantes.