Cervo aposta pola eficiencia enerxética coa instalación dunha nova caldeira de biomasa na Casa Consistorial

O Concello de Cervo está a renovar estes días o sistema de calefacción da Casa Consistorial cun proxecto que substitúe a antiga caldeira de gasóleo por unha nova instalación de biomasa alimentada con pellets. A intervención permitirá reducir de maneira significativa as emisións contaminantes, á vez que mellora a eficiencia enerxética dun dos principais edificios municipais.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, acompañada pola concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, comprobou in situ a evolución dos traballos. García Caramés subliñou que esta aposta “supón un importante avance no compromiso municipal coa sustentabilidade e a loita contra o cambio climático, ao incorporar un combustible renovable, limpo e de proximidade”.
O inmoble viña funcionando cunha caldeira de gasóleo de 151,2 kW de potencia, abastecida por un depósito soterrado de 6.000 litros. A nova instalación, ademais de reducir os custos de mantemento, disporá dun silo para o almacenamento dos pellets situado nun espazo anexo á sala de máquinas, que ata agora se empregaba como almacén.
O investimento total ascende a 97.883 euros, dos cales a metade procede dunha subvención da Xunta de Galicia a través do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea mediante os fondos NextGenerationEU.
“Con esta actuación reduciremos os custos enerxéticos, apostamos por unha enerxía máis respectuosa co medio ambiente e continuamos modernizando os servizos municipais cunha instalación máis eficiente e adaptada aos tempos actuais”, destacou a rexedora.