Cervo aposta pola conciliación familiar cunha nova edición do programa de verán Cervo Concilia

AMariñaXa
A iniciativa municipal, gratuíta e dirixida a nenos e nenas de 3 a 12 anos, desenvolverase durante todo o verán con actividades educativas e de lecer
PAI-GUITIRIZ-EDUCACION
29 May 2025

O Concello de Cervo pon en marcha un verán máis o seu programa “Cervo Concilia”, unha proposta consolidada e pensada para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar durante as vacacións escolares. A iniciativa comezará o luns 23 de xuño e prolongarase ata o final do período estival, cun amplo horario que vai das 8:30 ás 14:30 horas.

Dirixido a crianzas de entre 3 e 12 anos, este programa municipal de carácter totalmente gratuíto ofrece unha completa programación de actividades educativas, lúdicas e adaptadas ás distintas idades, co obxectivo de garantir un verán entretido, formativo e seguro para os máis pequenos da casa.

As inscricións poden formalizarse ata o 16 de xuño na Casa da Cultura de San Cibrao e na Casa do Concello. Dende o goberno local animan ás familias a anotarse con tempo, dada a alta demanda que adoita rexistrar esta actividade.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, destacou que “este programa está xa fondamente enraizado no noso municipio e responde ás necesidades reais das familias durante o verán, ofrecendo un espazo seguro e enriquecedor para os nenos e nenas mentres os seus proxenitores traballan”. A rexedora subliñou tamén que “é unha aposta decidida pola conciliación e pola igualdade de oportunidades, garantindo o acceso en igualdade a este tipo de recursos”.

⚙ Configurar cookies
0.070924997329712