Cervo aposta outro ano máis pola Noites Alternativas e Enredando no verán

AMariñaXa
O Concello de Cervo volve apostar para os meses de xullo e agosto polas Noites Alternativas e polo programa Enredando no Verán
noites alternativas cervo 2021
8 Xul 2021

O Concello de Cervo volve apostar para os meses de xullo e agosto polas Noites Alternativas e polo programa Enredando no Verán, adaptando as actividades á situación sanitaria e priorizando as iniciativas individuais e ao aire libre.

Os programas comezaron esta mesma semana e contemplan un amplo abanico de posibilidades pensadas para todos os públicos. 

Este mesmo xoves, por exemplo, terá lugar a proxección do filme Cuñados ás 22.30 horas, na praza do Lugar en San Cibrao. A actividade é de balde e o aforo é limitado. As persoas interesadas en asistir deben anotarse no mesmo lugar do evento ás 22:00 horas.

A axenda das Noites Alternativas tamén contempla rutas en Kaiak, rutas nocturnas en bici, paddle surf, maxia, teatro, deportes de aventura, aerofit, rutas de sendeirismo, noites de orientación…Todas as actividades serán ou en Cervo ou en San Ciprián, a partir das 21.00 horas. 

Pola súa banda, o programa Enredando no Verán, está pensado para as crianzas, e incluirá piragüismo, inchables acuáticos, un laboratorio de perfume, un circuíto de seguridade vial, un taller de cómic, bádminton, surf…

Tanto As Noites Alternativas como o programa Enredando son de balde, e desenvolveranse de luns a xoves.

A oferta lúdica - cultural complétase cun curso de ioga infantil que terá lugar os martes, (para nenos de 6 a 9 anos; de 11.30 a 12.30 horas) e os Xoves (para  crianzas de 10 a 12 anos; 11.30 a 12.30 horas), na Casa do Mar de San Cibrao baixo inscrición previa na Casa da Cultura ou no 691 65 66 00.

Tamén se ofertarán bicis eléctricas en aluguer na praza do Campos, o 10, 11 e 24 de xullo e o 7, 8, 21 e 22 de agosto.

Ademais haberá rutas por diferentes puntos de interese do concello, con guía turístico. Serán o 17, 18 e 31 de xullo; e o 1, 14, 15, 28 e 29 de agosto; con inscrición previa na Casa da Cultura e no 691 65 66 00.

Desde o Concello de Cervo animan a participar tanto á veciñanza como ás persoas visitantes neste programa de actividades pensado para toda a familia, iso si, respectando sempre todas as medidas de prevención fronte ao COVID-19.

0.19407486915588