Cervo amplía a súa rede de espazos cardioprotexidos

O Concello de Cervo vén de dar un novo paso na súa aposta pola cardioprotección coa incorporación de desfibriladores externos semiautomáticos (DESA) en distintos edificios públicos e centros escolares do municipio. Esta actuación permite ampliar de maneira significativa a rede de espazos cardioprotexidos e mellorar a capacidade de resposta ante situacións de emerxencia.
Coa instalación destes novos dispositivos, pasan a contar con desfibrilador a Casa do Concello, a Casa da Cultura, a nave de obras, o CEIP Península da Paz e o IES Marqués de Sargadelos, onde o DESA será colocado na vindeira semana. Estes espazos súmanse a outros que xa dispoñían deste equipamento, como a piscina olímpica municipal, a Escola Infantil Municipal situada na Casa do Mar, o campo de fútbol e o pavillón da Veiga.
Ademais, o Concello conta cun desfibrilador móbil nun vehículo municipal e, durante a tempada de baño, cun dispositivo instalado na praia do Torno. A rede complétase cos desfibriladores existentes no centro de día e na residencia, así como co que dispón o CEIP de Cervo. Paralelamente, estase a traballar para dotar tamén de DESA aos locais sociais municipais nos próximos meses.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, subliñou que “a instalación destes desfibriladores é unha medida fundamental”, incidindo en que a prioridade do goberno local é “garantir a seguridade da veciñanza e avanzar cara a un concello cada vez máis cardioprotexido”.
Todos os dispositivos, tanto os de nova incorporación como os xa existentes, estarán inscritos no Rexistro de Desfibriladores Externos fóra do ámbito sanitario da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Así mesmo, nas vindeiras semanas o Concello impartirá cursos de formación dirixidos ao persoal municipal, ao profesorado e aos traballadores dos centros nos que se instalaron os desfibriladores, co obxectivo de mellorar a resposta ante posibles emerxencias.