Cervo albergará un punto de encontro familiar que dará servizo a toda a Mariña
O novo recurso de apoio ás crianzas e ás familias estará situado no edificio do Ecomuseo (antiga Casa Consistorial) que será cedido pola administración local para tal fin.
O Concello de Cervo é o lugar elixido para albergar un Punto de Encontro Familiar (PEF) que dará servizo ás familias de toda A Mariña, tal e como o anunciou a conselleira de Política Social, Fabiola García.
O novo recurso situarase no edificio do Ecomuseo, en Cervo (antiga Casa do Concello) que será cedido pola administración local para tal fin.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, as concelleiras de Educación e Medio Ambiente, e o edil de Deportes, Dolores García Caramés, Mali Méndez, e David Rodríguez, respectivamente, acompañaron á conselleira na visita ás instalacións do edificio que será adecuado pola administración autonómica para converterse no noveno Punto de Encontro Familiar de Galicia –existe un en cada unha das 7 grandes cidades e un punto comarcal na Barbanza-.
En palabras do rexedor “é unha gran nova para o noso Concello e para toda a comarca da Mariña” e quixo agradecer á Xunta de Galicia, á conselleira e a todo o equipo a elección de Cervo para a posta en marcha deste recurso “tan necesario na sociedade actual” e que se prevé que estea en funcionamento no primeiro semestre de 2023.
Para elo cedemos unha instalación municipal –engadiu- moi simbólica para todos os cervenses porque foi a antiga Casa do Concello; un emprazamento que desde a consellería consideraron idóneo “pola súa situación e polas características do inmoble”.