Cervo albergará un Punto de Encontro Familiar que dará cobertura a todos a comarca da Mariña
O Concello de Cervo albergará un Punto de Encontro Familiar (PEF) que dará cobertura a todos os municipios da Mariña. O novo recurso situarase no edificio do Ecomuseo, en Cervo cuxa cesión por parte da Administración local foi oficializada no pleno ordinario celebrado esta mesma tarde.
O edificio será adecuado pola Xunta de Galicia para converterse no noveno Punto de Encontro Familiar de Galicia –existe un en cada unha das 7 grandes cidades e un punto comarcal en Ribeira-.
A rexedora, Dolores García Caramés, apuntou que “é unha moi boa nova para Cervo” poder acoller este servizo tan necesario na sociedade actual, dándolle así un uso público e social a este edificio que ademais é unha instalación municipal tan simbólica para todos os cervenses xa que foi a antiga Casa do Concello; un emprazamento que desde a Consellería de Política Social consideraron idóneo “pola súa situación e polas características do inmoble” como lugar seguro para realizar as visitas establecidas por lei dentro dun proceso de separación, divorcio, nulidade,tutela ou calquera outro suposto de interrupción da convivencia familiar; así como cando o exercicio do dereito de visitas se poida ver interrompido ou o seu cumprimento resulte difícil ou conflitivo.
Trátase -engadiu- dun recurso fundamental para as familias e moi especialmente para as crianzas que se atopan en situación de desprotección “co fin de preservar, nun espazo neutral, a relación entre os menores e os membros da súa familia nestas situacións complicadas”; buscando sempre a seguridade e o benestar dos menores, ante todo.
Esta prestación evitará ademais, a obriga das familias de desprazarse máis de 100 quilómetros para acudir ao PEF de Lugo, que ata agora era o recurso máis próximo de referencia.
O edificio, situado na Rúa do Muíño, 2, cuxa data de construción foi no ano 1880, está composto de planta baixa e piso alto, ocupando unha superficie construída duns 232 m2.
Entre as intervencións que se realizan nos PEF están as entregas e recollidas dos menores, as visitas tuteladas ou as visitas supervisadas.