Cervo activará en xuño o despregamento da fibra óptica en A Senra

O Concello de Cervo ten previsto iniciar o despregamento da rede de fibra óptica na zona de A Senra no mes de xuño, logo de completar a tramitación necesaria e obter os permisos preceptivos de entidades como Augas de Galicia e Patrimonio. Así o avanzou o goberno local, que levará o plan ao pleno municipal que se celebrará a finais deste mes de maio.
A actuación realizarase con financiamento propio, o que, segundo fontes municipais, “reflicte o compromiso do Concello por avanzar na conectividade e responder ás demandas veciñais de mellora nas telecomunicacións”.
A rexedora, Dolores García Caramés, sinalou que “a fibra chegará por fin a A Senra grazas ao esforzo do goberno local e á vontade de poñer solución a unha eiva histórica en materia de acceso a Internet”. A alcaldesa indicou que as obras están xa listas para comezar unha vez se aprobe o plan no pleno.
Ademais, o Concello xa traballa nun segundo proxecto que permitirá estender esta infraestrutura a outras áreas do municipio. Segundo avanzou Caramés, “a segunda fase afectará ás zonas de Castelo, Trasbar e unha pequena parte de San Román”, e podería comezar durante o mes de agosto, sempre que os trámites administrativos continúen segundo o previsto.
Desde o goberno local destacan que este tipo de actuacións son fundamentais para fixar poboación e garantir igualdade de oportunidades no acceso á información, especialmente nas zonas máis afastadas dos núcleos urbanos.