Cervo activa unha nova edición dos programas de voluntariado xuvenil para este verán

O Concello de Cervo vén de poñer en marcha unha nova edición dos seus programas de voluntariado xuvenil co obxectivo de implicar á mocidade na vida do municipio e promover valores como a solidariedade, o compromiso e a responsabilidade social. Baixo os títulos “Cervo a carón do voluntariado IX”, dirixido a mozos e mozas de entre 16 e 30 anos, e “Voluntariado Miúdo V”, pensado para rapaces e rapazas de entre 12 e 15 anos, os programas desenvolveranse ao longo de todo o verán.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, achegouse esta mañá ao IES Marqués de Sargadelos para presentar persoalmente a proposta e animar ao alumnado a participar. “O noso obxectivo é ofrecer á xuventude un espazo onde aprender facendo, convivir e crecer como cidadáns responsables, ao tempo que contribúen ao ben común”, explicou.
As persoas interesadas en participar poden anotarse desde este martes na Casa da Cultura. Cada voluntario ou voluntaria poderá colaborar un máximo de 60 xornadas durante o verán, cunha duración de seis horas por día.
Segundo destacou a rexedora, estas iniciativas pretenden tamén “dotar á mocidade de ferramentas e experiencias que lles permitan coñecer de preto a realidade do seu concello e sentirse parte activa del”. A valoración das edicións anteriores, tanto por parte dos participantes como das familias, é moi positiva. “Os mozos e mozas que xa participaron repítennos o mesmo: que é unha oportunidade única para aprender, divertirse e facer algo útil polos demais”, engadiu.
Entre as accións nas que se pode colaborar atópanse o apoio ao programa Noites Alternativas, o acompañamento nas actividades do Programa Concilia, destinado á conciliación familiar durante as vacacións escolares, e a axuda na organización de eventos culturais nocturnos.
Con esta proposta, Cervo reafirma o seu compromiso cunha mocidade activa, participativa e solidaria, ofrecéndolle oportunidades reais para involucrarse e contribuír á mellora do seu entorno.