Cervo activa o Plan de Emerxencias Municipal en fase de alerta

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
18 Mar 2020

O Concello de Cervo vén de activar esta tarde o Plan de Emerxencias Municipal en fase de alerta (PEMU) para a coordinación e mobilización de todos os efectivos dispoñibles para facer fronte á crise do coronavirus. Así mesmo, tamén se constituíu a Comisión Municipal de Seguimento da evolución do COVID-19 formada polo alcalde, os concelleiros delegados, a responsable da policía local, o responsable do servizo de Emerxencias e Protección Civil e o responsable dos Servizos Administrativos Municipais.

O Concello de Cervo mantén os servizos de Axuda no Fogar e de Dependencia ao 100%, priorizando e garantindo así a atención das persoas maiores e dependentes do municipio, que é un dos colectivos máis vulnerables nesta crise sanitaria provocada polo coronavirus.

Así, 14 profesionais, acoden diariamente aos domicilios que tiñan asignados para asistir en todo o que precisen ás persoas maiores e/ou dependentes; extremando ao máximo as medidas de prevención e protección fixadas por Sanidade para garantir tanto a súa seguridade como a das persoas usuarias que precisan dos seus servizos.

Ademais, os servizos considerados esenciais como a recollida de lixo, o saneamento ou o abastecemento de auga continúan operativos seguindo estritamente as directrices marcadas polos organismos competentes. Neste apartado tamén se inclúe a limpeza viaria e de zonas verdes e parques por hixiene e salubridade pública.

O Concello de Cervo estableceu un horario de 9.00 a 14.00 horas, para o persoal municipal que integra estes servizos esenciais.

O Mercado Semanal de San Cibrao non se celebrará este xoves, como medida preventiva.

Desde a delegación de Servizos Sociais apuntan que se algún veciño/a precisa que se lle leve a compra, medicamentos, etc,, á casa porque non conta cos medios necesarios para facelo, pode chamar ao teléfono 982 55 77 77 –en horario de 9.00 a 14.00 horas- ou ao 615 51 92 98, ao longo de todo o día, e recibirá a asistencia necesaria.

Por outra banda, o Servizo de Emerxencias Muncipais traballa na desinfección dúas veces ao día das contornas públicas do municipio (beirarrúas, fachadas, mobiliario urbano...); prestando especial atención ás zonas nas que están ubicados os establecementos cuxa apertura está autorizada por Sanidade. Este protocolo esta incluído no Plan de Emerxencias Municipal en fase de alerta (PEMU) que foi activado no día de onte; e prioriza a desinfección do Centro de Día Residencia e dos centros de saúde de Cervo e San Cibrao.

A desinfección, que terá lugar preferentemente antes das aperturas e ao mediodía, levarase a cabo cunha disolución de hipoclorito en 1:50, seguindo as recomendacións da Consellería de Sanidade.

 

0.16803884506226