Cervo acolleuse a o novo programa de préstamos para comprar vivendas para alugueiro social

AMariñaXa
Destinados 3 M€ a poñer en marcha un novo fondo de cooperación cos concellos para que compren ou promovan vivendas para alugueiro social
casa ruina rehabilitacion
30 Out 2021

Vanse reservar inicialmente 3 millóns de euros dos orzamentos autonómicos do próximo ano para convocar por primeira vez un Fondo de cooperación coas entidades locais destinado a apoialas no financiamento da adquisición e promoción de vivendas de nova construción para alugueiro social.

Así o avanzou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante o acto de sinatura dos convenios correspondentes á última convocatoria do Fondo de cooperación de rehabilitación do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), un instrumento de apoio financeiro a concellos de menos de 50.000 habitantes para proxectos de recuperación do patrimonio construído.

Este ano, tal e como explicou a responsable autonómica, serán 11 as actuacións municipais que se executarán ao abeiro deste programa grazas aos convenios de colaboración asinados hoxe entre a Consellería e os 9 concellos beneficiarios. Deste xeito, as entidades locais poderán acceder a préstamos sen xuros para financiar os seus proxectos, fondos que deberán devolverlle ao IGVS nun prazo de ata oito anos.

Un dos concellos que se acolleu a esta última convocatoria é o de Cervo, que utilizará o préstamo de 188.694,83 € para a adquisición de 10 vivendas unifamiliares adosadas para posterior rehabilitación e 471.050,32 para a adquisición de dous bloques de vivendas en San Cibrao para posterior rehabilitación.

Neste sentido, a conselleira lembrou as dificultades coas que se atopan habitualmente os concellos á hora de obter financiamento para poder levar a cabo proxectos do seu interese. Por iso, e co fin de completar o actual Fondo de cooperación de rehabilitación —impulsado en 2017 e grazas ao cal xa se financiaron preto de medio cento de actuacións en 25 municipios por un total de 11 millóns de euros—, a Xunta porá en marcha o vindeiro ano un segundo programa de préstamos de apoio ás entidades locais.

Aínda que o funcionamento de ambos fondos será similar —préstamos sen xuros que se financiarán cos depósitos das fianzas do IGVS—, explicou que o obxectivo desta nova iniciativa será facilitar aos concellos a liquidez necesaria para promover ou comprar vivendas de nova construción dirixidas a alugueiro social. En todo caso, os detalles e requisitos a cumprir estableceranse unha vez saia a convocatoria, o próximo ano.

0.17846298217773