Cervo acollerá os Campionatos Galegos de Waterpolo Infantil e Alevín

AMariñaXa
O evento reunirá aos mellores clubs de Galicia e supón un novo impulso ao deporte base no municipio
Cervo-presentacion-Campionatos-Galegos-de-Waterpolo-Infantil-e-Alevin-2025
24 Jun 2025

O Concello de Cervo continúa a consolidar o seu apoio ao deporte base e á promoción das disciplinas acuáticas cunha nova cita destacada no seu calendario deportivo. A piscina municipal acollerá os vindeiros días 28 e 29 de xuño os Campionatos Galegos de Waterpolo nas categorías Alevín Mixto e Infantil Mixto, organizados pola Federación Galega de Natación (FEGAN) en colaboración co propio Concello.

Na presentación do evento estiveron presentes a alcaldesa Dolores García Caramés, o concelleiro de Deportes David Rodríguez, e o presidente da FEGAN, Juan Carlos Brión. Todos eles coincidiron en salientar a importancia de traer a Cervo unha competición autonómica deste nivel, que reunirá aos clubs máis destacados das dúas categorías. “É unha mostra do bo estado das nosas instalacións e da aposta decidida polo deporte acuático que estamos a facer desde o Concello”, afirmou a rexedora.

O sábado 28 será a quenda do Campionato Alevín Mixto, no que participarán o CW Santiago, CW Coruña Rías Altas, CW As Mariñas, Club Marina Ferrol, RCN de Vigo e CW Pontevedra. O domingo 29 celebrarase o Campionato Infantil Mixto, coa participación do CW Santiago, CW Coruña Rías Altas, CW As Mariñas, RCN de Vigo, CW Pontevedra e CW Lugo.

A alcaldesa destacou que “é unha enorme satisfacción acoller de novo un campionato galego, nesta ocasión de waterpolo, e seguir posicionando Cervo como un referente do deporte formativo”. Engadiu tamén que este tipo de eventos “dinamizan o municipio durante o verán e reflicten o noso compromiso cunha mocidade activa e saudable”.

Desde o Concello valoran tamén o impacto educativo e social de achegar á veciñanza deportes menos populares como o waterpolo. “É unha oportunidade para que a cidadanía, especialmente os máis novos, coñezan en directo unha disciplina diferente, que podería mesmo espertar vocacións deportivas inesperadas”, explican desde a organización. A actividade permitirá ampliar a oferta deportiva e reforzar o papel do deporte como ferramenta de inclusión, aprendizaxe e vida saudable.

A rexedora aproveitou para agradecer á Federación Galega de Natación a súa confianza, e quixo desexarlle sorte a todos os equipos participantes, ao tempo que animou á veciñanza a achegarse á piscina para vivir unha fin de semana chea de deporte e entusiasmo.

⚙ Configurar cookies
0.15807414054871