Cervo acollerá o XIX Encontro de Palilleiras e Feira de Artesanía este 11 de abril

AMariñaXa
A cita, xa consolidada no calendario local, celebrarase na Praza dos Campos e manterá abertas as inscricións ata completar aforo
palilleiras-cervo
7 Apr 2026

O Concello de Cervo organizará o vindeiro sábado 11 de abril unha nova edición do Encontro de Palilleiras e Feira de Artesanía, que alcanza xa a súa décimo novena convocatoria. O evento desenvolverase na carpa instalada na Praza dos Campos, en San Ciprián, converténdose unha vez máis nun punto de encontro para amantes da tradición artesanal.

Trátase dunha iniciativa plenamente asentada no calendario municipal, que ten como principal obxectivo reivindicar e dar visibilidade a unha práctica artesanal de grande valor cultural. A elaboración de encaixe de bolillos segue viva grazas á constancia, habilidade e creatividade das persoas que manteñen este oficio, transmitido ao longo de xeracións.

Ao longo da xornada, o público asistente poderá contemplar de preto diferentes pezas artesanais e presenciar en directo o traballo das palilleiras, o que contribúe á difusión e preservación dunha actividade con séculos de historia.

A programación complétase coa celebración dunha Feira de Artesanía paralela, e conta coa colaboración da asociación Mulleres de San Ciprián A Rebolaxe, así como coa implicación da hostalería local e da entidade Saúde Mental A Mariña.

As persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición na Casa da Cultura de San Ciprián, chamando aos teléfonos 982 595 157 ou 629 912 239, ou enviando un correo electrónico a casadacultura@concellodecervo.com. As prazas asignaranse por orde de inscrición ata completar a capacidade dispoñible.

0.11596608161926