Cervo acollerá a III Ruta Cabalar cunha xornada de convivencia e natureza

AMariñaXa
A cita, organizada polos Cabaleiros da Bidueira, combinará percorrido ecuestre, música e un xantar aberto a todos os públicos
Cervo-III-ruta-cabalar-2026
II Ruta Cabalar da Bidueira, Cervo
21 Mar 2026

O Concello de Cervo converterase o vindeiro 5 de abril nun punto de encontro para os afeccionados ao mundo ecuestre coa celebración da terceira edición da súa Ruta Cabalar. A iniciativa, impulsada pola asociación Cabaleiros da Bidueira coa colaboración municipal, propón unha xornada completa na que se mesturan deporte, natureza e convivencia.

A actividade dará comezo ás 10:00 horas no polideportivo de San Román, desde onde partirá o percorrido, deseñado para gozar da paisaxe e do contacto directo co medio natural. Ao longo do traxecto, os participantes poderán facer unha pausa cun aperitivo a metade da ruta, nun ambiente distendido e pensado para compartir experiencias arredor da afección cabalar.

Unha vez finalizada a ruta, a programación trasladarase novamente ao polideportivo, onde continuará a celebración cunha sesión vermú e baile amenizado por Disco Móbil Conxuro. A xornada completarase cun xantar aberto tanto ás persoas inscritas como a quen desexe sumarse sen participar na ruta. O menú incluirá paella, costela asada, sobremesa, bebida e chupito.

O prezo para participar no xantar será de 28 euros para adultos e de 13 euros para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos. As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición ata o 2 de abril a través dos teléfonos habilitados pola organización.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, destacou o valor deste tipo de iniciativas para dinamizar o municipio e promover o coñecemento do entorno natural. Tamén puxo en relevo o traballo da asociación organizadora, sinalando que o seu esforzo está a consolidar esta proposta dentro do calendario local.

0.10029196739197