Cervo acolle unha homenaxe fotográfica ao océano Atlántico

O Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos acollerá a partir do vindeiro 29 de decembro e ata finais de xaneiro, a exposición Azores: oasis atlántico, unha mostra fotográfica do autor Anxo Cao que propón unha viaxe visual ao corazón do océano Atlántico. A través dunha coidada selección de imaxes subacuáticas, a exposición busca achegar coñecemento sobre a riqueza da biodiversidade mariña combinando rigor divulgativo e unha marcada aposta estética.
As fotografías permiten descubrir a extraordinaria diversidade de especies que habitan o Atlántico, desde pardelas e peixes lúa ata quenllas, baleas piloto, tartarugas mariñas e mesmo algúns dos polbos peláxicos máis estraños e raros do planeta. Un percorrido visual que sorprende tanto pola beleza das imaxes como polo valor informativo que transmiten sobre ecosistemas pouco coñecidos para o gran público.
A mostra preséntase como unha homenaxe ao océano e á súa fauna, pero tamén como unha chamada á reflexión sobre a necesidade de protexer este patrimonio natural. A través da fotografía, Anxo Cao convida a observar, comprender e valorar un medio imprescindible para o equilibrio do planeta, poñendo o foco na importancia da conservación para garantir o futuro dos mares.
A inauguración terá lugar o propio 29 de decembro ás 19:00 horas e contará cunha charla do autor, que explicará o proceso creativo das imaxes e a experiencia de traballar en contornos mariños tan singulares como os Azores.