Cervo acolle tres campus deportivos da Federación Galega de Natación este verán

O Concello de Cervo converterase durante o mes de xullo nun epicentro do deporte acuático grazas á celebración de tres campus organizados pola Federación Galega de Natación (FEGAN), en colaboración co propio Concello. As actividades terán lugar na piscina municipal e estarán destinadas a nenos e nenas federados que desexen mellorar as súas habilidades en tres disciplinas: natación, natación artística e waterpolo.
O calendario dos campus está estruturado por especialidades e desenvolverase do seguinte xeito: o primeiro en celebrarse será o de waterpolo, que terá lugar do 30 de xuño ao 5 de xullo; seguirá o de natación, do 7 ao 12 de xullo; e pechará o ciclo o campus de natación artística, que se realizará do 14 ao 19 de xullo.
En canto aos destinatarios, o campus de natación artística está orientado a rapaces e rapazas nados entre 2010 e 2013, mentres que os de natación e waterpolo abranguen ás xeracións comprendidas entre os anos 2011 e 2014.
A presentación oficial destes encontros deportivos contou coa presenza da alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, o concelleiro de Deportes, David Rodríguez, e o presidente da Federación Galega de Natación, Juan Carlos Brión. Durante o acto, a rexedora destacou que “para Cervo é unha honra colaborar coa FEGAN na organización destes campus que achegan deporte, formación e convivencia aos máis pequenos”.
García Caramés tamén puxo en valor que a piscina municipal se converta nun espazo de encontro para mozos e mozas de toda Galicia que comparten o gusto polas disciplinas acuáticas: “É un orgullo que as nosas instalacións sexan escenario deste tipo de eventos”.
A alcaldesa subliñou que o Concello traballa ao longo de todo o ano para impulsar o deporte de base e promocionar as infraestruturas municipais, que cada vez acollen máis eventos de ámbito galego. “Este tipo de iniciativas non só fomentan hábitos saudables, senón que tamén contribúen á dinamización social e económica do noso municipio durante o verán”, engadiu.
As persoas interesadas en participar nalgún destes campus poden consultar toda a información e formalizar a inscrición a través da páxina web da Federación Galega de Natación: www.fegan.org.