Cervo acolle a XVIII Monográfica Rexional de Boxer cunha xornada canina en Sargadelos

O municipio de Cervo prepara unha nova cita coa cinofilia que atraerá a criadores, afeccionados e exemplares destacados da raza boxer procedentes de toda Galicia e doutras partes do Estado. Será o domingo 15 de xuño, cando se celebre no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos a XVIII Monográfica Rexional de Galicia de Boxer, unha cita xa consolidada no calendario nacional.
O evento foi presentado pola alcaldesa, Dolores García Caramés, acompañada polo concelleiro de Deportes, David Rodríguez, e mais polo delegado en Galicia do Boxer Club España, Iván García, quen estivo acompañado por unha cadela da súa canteira, Jalea Ibiltaria, como mostra do nivel que se poderá ver durante a xornada.
A exposición morfolóxica desenvolverase ao longo da mañá do domingo, a partir das 10:00 horas, e xa conta con máis de trinta exemplares inscritos, segundo confirmou a organización. A xuíza Ana Paola Díaz Esteban será a encargada de avaliar os participantes nas distintas categorías, entre elas: mellor boxer nacido en Galicia, mellor veterano, mellor promesa, mellor xove ou mellor exemplar absoluto.
A cita converterá o espazo de Sargadelos nun escaparate único da calidade e da paixón que esperta esta emblemática raza. “É un encontro que combina divulgación, lecer ao aire libre e deporte canino”, sinalou a rexedora cervense, quen animou a veciñanza e aos visitantes a achegarse a compartir unha xornada distinta e familiar.
Desde a organización destacan que o evento está aberto ao público e que a inscrición continúa dispoñible a través das redes sociais da Delegación Galega do Boxer Club España.