Cervo acolle a representación da comedia “Aire fresco” en Lieiro

AMariñaXa
O grupo Ardora levará ao Local Social unha obra que combina humor e reflexión social
recurso-teatro
25 Mar 2026

O Concello de Cervo informa de que o domingo 29 de marzo, ás 19:00 horas, terá lugar no Local Social de Lieiro a representación da obra teatral Aire fresco, a cargo do grupo Ardora de San Ciprián. A entrada será libre ata completar aforo.

A presentación do evento contou coa presenza da alcaldesa, Dolores García Caramés, da concelleira Mali Méndez, así como de membros da Asociación de Veciños Nosa Señora de Lieiro, organizadora da actividade, e do elenco da obra, e celebrouse no propio local social onde terá lugar a función.

Aire fresco é unha comedia que, a través do humor, convida á reflexión sobre cuestións sociais de grande relevancia. A trama aborda como a crise da covid puxo de manifesto problemas comúns da vida cotiá que adoitan pasar desapercibidos, facendo fincapé especialmente na situación das persoas maiores, un dos colectivos máis vulnerables durante a pandemia, e na necesidade de prestarlles atención e recoñecer o papel fundamental que desempeñaron ao longo das súas vidas.

A alcaldesa destacou “o enorme talento local do noso municipio, que se reflicte en propostas culturais de calidade como esta”, e subliñou o “importante labor das asociacións veciñais, que contribúen a dinamizar a vida social e cultural das nosas parroquias”. Ademais, valorou o papel dos locais sociais como espazos de encontro, convivencia e actividade, fundamentais para manter vivas as comunidades.

A actividade está organizada pola Asociación de Veciños Nosa Señora de Lieiro coa colaboración do Concello de Cervo. Desde o goberno local animan á veciñanza a asistir e gozar desta proposta teatral que combina entretemento e conciencia social.

0.11647009849548