Cervo abre unha Libroteca ao aire libre para fomentar a lectura entre a veciñanza

O Concello de Cervo vén de poñer en marcha unha novidosa e fermosa proposta cultural: a creación dunha biblioteca ao aire libre, bautizada como Libroteca, situada no parque Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane. Esta iniciativa busca promover o hábito lector entre persoas de todas as idades, facilitando un xeito sinxelo e sostible de compartir libros no corazón da natureza.
O proxecto naceu no CEIP de Cervo, sendo Lila, unha antiga docente do centro, quen ideou e impulsou esta proposta que agora xestionará. A alcaldesa, Dolores García Caramés, acompañou ao alumnado na primeira xornada de funcionamento da Libroteca, que foi recibida con entusiasmo polos nenos e nenas, gozando da lectura nun entorno verde e tranquilo.
O funcionamento é moi sinxelo: calquera persoa pode deixar un libro en bo estado e levar outro en préstamo, ben para lelo no fogar ou para desfrutalo alí mesmo, aproveitando a contorna natural do parque. A Libroteca estará operativa todos os mércores entre as 16:00 e as 17:00 horas, e admite todo tipo de publicacións: novelas, poesía, ensaio, cómic, etc.
A rexedora destacou que se trata dun espazo que conxuga memoria histórica, cultura e natureza, nunha contorna que honra a dúas figuras senlleiras da cultura galega vencelladas a Cervo como foron Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane. “Queremos que este recuncho sexa un lugar de encontro interxeracional, de creatividade e de fomento do respecto polos bens comúns”, sinalou Caramés.
Tamén puxo en valor a colaboración entre a comunidade escolar e o Concello, agradecendo de forma especial ao CEIP e a Lila pola súa implicación: “Esta Libroteca é unha mostra do que se pode conseguir cando traballamos xuntos por obxectivos educativos, culturais e sociais”.