Cervo abre un ciclo de charlas para fomentar a corresponsabilidade e a igualdade

AMariñaXa
A primeira sesión, centrada na comunicación afectiva, enmárcase no Plan Corresponsables 2025 e contou cunha boa participación veciñal
concello-de-cervo-edificio-1
12 Sep 2025

O Concello de Cervo puxo en marcha este mércores, na Casa da Cultura de San Ciprián, un ciclo de formación en corresponsabilidade en colaboración con Uniser Coaching. A primeira sesión, titulada “Corresponsabilidade na comunicación afectiva funcional”, reuniu a numerosos asistentes e recibiu unha acollida positiva por parte do público.

Este programa forma parte do Plan Corresponsables 2025, financiado pola Unión Europea e pola Xunta de Galicia, e ten como obxectivo principal impulsar accións de sensibilización e aprendizaxe arredor da corresponsabilidade e dos coidados. A iniciativa fai especial fincapé na implicación activa dos homes e das familias, promovendo unha sociedade máis igualitaria.

Desde o Concello destacan que estas charlas ofrecen ferramentas prácticas para mellorar a comunicación nas relacións persoais, educar en valores de respecto e empatía, e favorecer a corresponsabilidade tanto no ámbito doméstico como nos centros educativos. Ademais, axudan a previr situacións de desigualdade, conflito e violencia, fortalecendo unha convivencia baseada na cooperación.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, salientou que “apostamos firmemente pola corresponsabilidade como un valor esencial para o benestar das familias e da sociedade en xeral. Con este ciclo de charlas queremos abrir espazos de reflexión e aprendizaxe que contribúan a compartir responsabilidades e a educar en igualdade desde idades temperás”.

As próximas citas terán lugar ás 18:00 horas e abordarán cuestións de gran relevancia: o xoves 18 de setembro sobre o acoso escolar, o martes 23 sobre motivación e disciplina, e o xoves 25 de setembro, en formato en liña, sobre o uso responsable das tecnoloxías.

O Concello anima á veciñanza a participar activamente nestes encontros, que buscan non só formar, senón tamén xerar conciencia colectiva sobre a importancia de compartir responsabilidades e coidados para construír unha sociedade máis xusta e corresponsable.

⚙ Configurar cookies
0.15463805198669