Cervo abre o prazo para solicitar axudas ao transporte escolar

AMariñaXa
Estas subvencións están destinadas a aqueles alumnos e alumnas que se matriculen en estudos ou titulacións que non se imparten no concello
axudas-transporte-publico
7 Out 2024

O Concello de Cervo acaba de abrir o prazo para que os estudantes que cursen formación fóra do termo municipal soliciten axudas para o transporte escolar. Estas subvencións están destinadas a aqueles alumnos e alumnas que se matriculen en estudos ou titulacións que non se imparten no concello, cunha partida total de 12.000 euros asignada para este fin.

As axudas económicas oscilarán entre 150 e 200 euros por estudante, dependendo da renda familiar. Poderán optar a estas subvencións os estudantes menores de 30 anos que cumpran cos requisitos especificados nas bases da convocatoria, dispoñibles na Casa da Cultura, na Casa do Concello e na sede electrónica do concello. O prazo para presentar a documentación no Rexistro Xeral do Concello remata o 25 de outubro.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou que esta subvención, financiada na súa totalidade con fondos municipais, ten como obxectivo "axudar ás familias a afrontar os custos do transporte dos seus fillos e fillas e garantir a igualdade de oportunidades no acceso á educación". A rexedora subliñou que a mobilidade debe ser un dereito accesible para todos, especialmente no ámbito educativo. Entre os estudos que entran dentro desta axuda inclúense ensinanzas universitarias, estudos musicais en conservatorios e escolas de música, bacharelato (nas modalidades non impartidas en Cervo), así como ciclos medios ou superiores de Formación Profesional.

En canto á documentación que se debe presentar, inclúese a fotocopia do DNI de todos os membros maiores de idade da unidade familiar, copia do libro de familia, autorización para obter información de diferentes administracións, e a certificación de cualificacións ou matrícula no curso 2023-2024. As persoas con discapacidade ou dependencia deberán achegar o certificado correspondente. Para máis información, os interesados poden consultar o Boletín Oficial da Provincia ou achegarse ás oficinas municipais

0.13713693618774