Cervo abre o prazo de inscrición para o programa Cervo Concilia de Semana Santa

O Concello de Cervo abrirá este xoves o prazo para inscribirse nunha nova edición do programa Cervo Concilia en Semana Santa, unha proposta municipal dirixida a apoiar ás familias durante o período non lectivo das vacacións escolares. As persoas interesadas poderán formalizar a súa participación ata o 24 de marzo tanto no Concello como na Casa da Cultura.
Co obxectivo de trasladar toda a información sobre esta nova convocatoria, a alcaldesa, Dolores García Caramés, mantivo recentemente unha reunión na Casa da Cultura coas asociacións de nais e pais do alumnado dos centros educativos do municipio. No encontro participaron representantes das ANPAs do CEIP de Cervo e do CEIP Península da Paz, cos que se abordaron os detalles da actividade, os prazos para realizar a inscrición e outras cuestións relacionadas coa organización do programa.
Durante a xuntanza tamén se analizaron outros recursos municipais destinados á conciliación familiar, entre eles o programa Cervo Madruga, que se desenvolve igualmente dentro da iniciativa Corresponsables en Cervo, do mesmo xeito que Cervo Concilia.
Segundo se explicou no encontro, Cervo Madruga continúa rexistrando unha boa acollida entre as familias do municipio. A iniciativa cumpre xa o seu segundo curso en funcionamento e consolidouse como un servizo útil para aquelas persoas que precisan apoio antes do inicio da xornada escolar.
Este programa naceu precisamente da colaboración entre as ANPAs e o Concello de Cervo, co propósito de ofrecer unha resposta ás necesidades das familias que deben compatibilizar os horarios laborais co comezo das clases dos seus fillos e fillas.
A alcaldesa destacou a importancia de manter este tipo de iniciativas que buscan apoiar á veciñanza. Segundo indicou, o Concello continúa apostando por programas que faciliten a conciliación entre a vida laboral e familiar, especialmente durante períodos non lectivos como o das vacacións de Semana Santa.