Centros educativos galegos participarán nunha campaña sobre doazón de médula ósea

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) inicia este mes de xaneiro a campaña educativa sobre doazón de medula ósea en centros educativos de toda Galicia, co obxectivo de dar a coñecer este xeito de doazón entre os máis novos e novas. Mediante a instalación de mesas informativas e impartindo charlas educativas por profesionais especializados, a Axencia achégase aos estudantes galegos para tentar incrementar o número de persoas que se inscriben no REDMO (Rexistro Español de Doantes de Medula Ósea).
Esta iniciativa divulgativa achegarase, ao longo da segunda fase da campaña de doazón, ata oito centros educativos. Este xoves, 29 de xaneiro, profesionais da ADOS, teñen instalada unha mesa informativa no CIFP Manuel Antonio de Vigo para dar a coñecer este xeito de doazón e impulsar a súa activa participación.
Salientar, ademais, que dentro do programa formativo desenvolvido pola Axencia, retómase nesta segunda fase da campaña de doazón en centros educativos, o programa de visitas didácticas ata as instalacións de ADOS, onde os estudantes galegos poden coñecer, en primeira persoa, o labor diario que realiza a Axencia.
Para ser doante de medula ósea é preciso ter entre 18 e 40 anos, non ter padecido enfermidades graves ou transmisibles e estar incluído no REDMO. A Axencia é centro de referencia para a tipaxe de doantes de medula ósea en Galicia e, na actualidade, están inscritos no Rexistro ao redor de 16.000 galegos e galegas.
O transplante de medula ósea, como se coñece popularmente ao transplante de proxenitores hematopoéticos, é, en ocasións, o único tratamento que permite curar determinadas enfermidades do sangue, como a leucemia, ao substituír as células defectuosas por outras normais, procedentes dun doante. Estímase que o 70% dos enfermos que precisan transplante, non teñen doante familiar compatible polo que precisan recorrer a un doante voluntario non emparentado que teña un elevado grao de compatibilidade. A procura dos doantes voluntarios coordínase a través do REDMO.
Concurso curtametraxes
Entre as diversas iniciativas que desenvolve a ADOS a prol da doazón de medula ósea, resulta preciso salientar que, neste curso académico, desenvolvese a XI edición do Concurso Universitario de Curtametraxes relacionado con transplante de medula ósea, no que poden tomar parte estudantes de calquera dos centros de ensino universitario de Galicia.
O obxectivo deste certame é promover a sensibilización dos estudantes universitarios a prol do xesto solidario de doazón de medula ósea, entendido como un acto voluntario, altruísta e indispensable para o tratamento de moitos enfermos.
Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.