Celeiro recupera a súa Festa da Merluza con forza para celebrar as vodas de prata

AMariñaXa
A cita gastronómica, declarada de Interese Turístico de Galicia, volverá o sábado 19 de xullo tras un ano de parón
Festa-da-Merluza-do-Pincho-de-Celeiro-2022-(7)
17 Jun 2025

A emblemática Festa da Merluza de Celeiro, no concello de Viveiro, volve con renovado entusiasmo tras un 2024 no que non puido celebrarse. Unha nova directiva á fronte da Asociación Cultural Penalba colleu o timón con enerxía para organizar a que será a 25ª edición da festa gastronómica, prevista para o sábado 19 de xullo.

O anuncio oficial do regreso desta celebración declarada de Interese Turístico de Galicia terá lugar este xoves pola tarde na Praza do Náufrago de Celeiro, onde se presentará o evento en compañía das autoridades locais e das entidades colaboradoras.

Segundo adiantan desde a organización, a edición deste ano manterá a esencia culinaria que a converteu nun referente: a pescada, produto estrela da localidade, elaborarase en oito receitas diferentes que van dende a tradicional á galega ata versións máis innovadoras como en forma de snack ou empanada.

Non faltará a “Especial Penalba”, a máis demandada en cada edición, preparada con marisco. Tamén se ofrecerán opcións en salsa verde, en salpicón, en caldeirada, na popular Galipizza ou nas curiosas Chilindrinas, que sorprendían a quen as probaba por primeira vez.

A nova directiva ten como obxectivo elaborar unhas 2.000 racións, mantendo o espírito de celebración arredor dun produto tan vinculado á economía e identidade de Celeiro. Con esta cita, que marca as vodas de prata da festa, buscan tamén reforzar a imaxe de Celeiro como punto de encontro entre gastronomía, cultura mariñeira e turismo de calidade.

⚙ Configurar cookies
0.16152381896973