Celeiro de Mariñaos presenta a súa Romaría de San Caetano e a XXVIII Festa da Tortilla

AMariñaXa
O acto incluíu por primeira vez a lectura do pregón, a cargo do músico Emilio “Cele”, e un adianto do sabor da popular tortilla
BARREIROS-SAN-CAETANO-2025
8 Aug 2025

Este venres 8 de agosto, ás sete da tarde, o adro da capela de Celeiro de Mariñaos acolleu a presentación oficial da Romaría de San Caetano, que se celebrará o sábado 16 e o domingo 17 de agosto, coincidindo coa XXVIII edición da Festa da Tortilla. Trátase dunha cita con fonda tradición na parroquia e na comarca, que mestura gastronomía, música e cultura popular.

O acto de presentación contou cunha novidade: por primeira vez realizouse a lectura do pregón, protagonizado por Emilio López, coñecido como “Cele”. O músico, con ampla traxectoria e líder de formacións que marcaron o panorama galego como Os Skornabois ou Safari Orquestra, é un profundo coñecedor desta romaría, á que acode habitualmente e na que ten participado en distintos formatos musicais. No seu discurso, “Cele” reivindicou a importancia de manter vivas as festas populares e o tradicional palco de lona, recordando que nelas actuaron algunhas das mellores voces e músicos de Galicia. Ademais, compartiu anécdotas, repasou a historia do santo e falou dos seus vínculos persoais coa parroquia.

Os asistentes á presentación puideron degustar unha proba da tortilla, como aperitivo do que se servirá no fin de semana grande. A romaría comezará o sábado 16 cunha misa e procesión ás 13:30 horas, seguida dunha sesión vermú co Grupo de Gaitas da A.C. Saíñas de Xove e o conxunto TOXO GUAYABA, que fusiona música cubana con alma galega. Haberá concurso e degustación de tortillas, espectáculo infantil de PETER PUNK Pallaso pola tarde, e verbena nocturna con DE LUXE Música, ademais do tradicional Baile do Farolillo e chocolatada.

O domingo 17, a sesión vermú correrá a cargo do DÚO SONIDOS, con xamón cocido e caldo como tapa. Pola tarde, ás 17:30, celebrarase o concurso Máster Tortilla, que poñerá o punto final á festa.

Como en anos anteriores, a romaría contará con cartel e camisola de autor, deseñados polo artista gráfico David Ribas Pena. Este ano, a inspiración procede do pintor francés Eugène Delacroix. O merchandising xa está á venda e tamén poderá adquirirse durante a celebración.

⚙ Configurar cookies
0.14041090011597