Celeiro achega o mar ás aulas: escolares da provincia mergúllanse na tradición pesqueira

AMariñaXa
A confraría continúa co programa educativo do GALP A Mariña-Ortegal polo centenario da pesca organizada no porto celeirense
Foz-escolares-martinez-otero-visita-Galp-Celeiro
10 May 2025

A Confraría de Pescadores Santiago Apóstol de Celeiro continúa desenvolvendo o programa didáctico “Celeiro: 100 anos de tradición pesqueira”, unha iniciativa do GALP A Mariña-Ortegal coa que se conmemora o século de actividade pesqueira organizada nun dos portos máis emblemáticos do norte galego. O obxectivo: achegar o mundo do mar ás novas xeracións e poñer en valor o patrimonio cultural e mariñeiro da zona.

No marco deste proxecto, alumnos e alumnas de centros educativos da provincia de Lugo visitan o porto de Celeiro, onde teñen a oportunidade de coñecer de preto o funcionamento do complexo mar-industria. As visitas inclúen percorridos pola lonxa, o porto e o heliporto onde opera o helicóptero de salvamento Pesca 2, e rematan nunha exposición permanente na sede da Confraría.

Esta mostra, concibida como un auténtico museo mariñeiro, alberga maquetas de barcos históricos, fotografías antigas, vídeos testemuñais, o acta fundacional da Confraría e ata un reloxo de mareas funcional. Ademais, compleméntase con obradoiros didácticos e showcookings con degustación de pescada de Celeiro, para promover a cultura mariñeira e unha alimentación saudable con produto local.

O programa, que xa leva máis dunha década en marcha, contou recentemente coa participación do IES Martínez Otero de Foz, e está previsto que nas vindeiras semanas se acheguen outros centros como o IES Rosalía de Castro, o CEIP Paradai, o IES Baleira ou o CEIP Celeiro, entre outros.

Este proxecto non só honra un século de historia pesqueira, senón que promove a educación ambiental, o coñecemento do sector, a transmisión da cultura mariñeira e o respecto polo medio mariño, valores esenciais para garantir a continuidade deste legado.

⚙ Configurar cookies
0.16210198402405