Celeiro: 100 anos de tradición pesqueira
Por Máximo Díaz Méndez, secretario da Cofradía de Pescadores de Celeiro
O GALP-01 (Grupo de Acción Local de Pesca) A Mariña-Ortegal adxudicou á Confraría de Pescadores de Celeiro unha axuda de difusión de patrimonio cultural ao amparo da normativa de axudas das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), no marco do FEMPA 2021-2027 (Fondo Europeo e Marítimo de Pesca e Acuicultura).
Na convocatoria de axudas do 2024, o GALP-01 subvenciona á Confraría de Celeiro, con financiamento ao 100 %, para un proxecto denominado 'Celeiro: 100 anos de tradición pesqueira'; o importe subvencionable é de 138.310,00 euros, correspondendo o 70 % ao FEMPA (UE) e o 30 % restante á Consellería do Mar (Xunta de Galicia).
PROXECTO PATRIMONIO CULTURAL
O proxecto aprobado polo GALP-01 á Confraría celeirense enmárcase dentro dos actos do Centenario e enfócase en resaltar e conmemorar o rico patrimonio cultural pesqueiro da localidade.
Un proxecto que consta de seis eixos definidos que abordan desde a promoción do patrimonio cultural ata a transición deste legado ás novas xeracións, todo dentro do marco de fomentar o benestar social e o patrimonio socio-cultural das zonas pesqueiras.
Os eixos do proxecto deseñado polos órganos reitores da entidade son:
1.- Promoción do patrimonio cultural pesqueiro.
2.- Conmemoración dos 100 anos da Confraría de pescadores enfocado na tradición e identidade de Celeiro.
3.- Visibilización do papel da muller na pesca de Celeiro.
4.- Posicionamento de Celeiro como institución en tradición pesqueira e preservación da cultura mariñeira.
5.- Transmisión da importancia e patrimonio costeiro de Celeiro ás novas xeracións.
6.- Recompilación de historias, mediante testemuños, dos 100 anos de Celeiro como confraría.
Por mor do cumprimento do seu centenario, -a Confraría foi fundada en 1923-, a Confraría de Celeiro deseñou un proxecto enfocado á promoción do patrimonio cultural pesqueiro de Celeiro, a súa tradición e a súa identidade, que fan de Celeiro un dos portos máis importantes do norte de Galicia.
O proxecto deseñado polos xestores da entidade pesqueira, que preside Rey Seijas, comprende, entre outras, as seguintes actividades: exposición permanente de maquetas de barcos pesqueiros emblemáticas do porto de Celeiro, exposición de testemuños mediante entrevistas en paneis e vídeos que se poden proxectar nas visitas, exposición fotográfica con imaxes históricas do arquivo da Confraría, e exposición de elementos únicos históricos (acta de constitución, medalla de ouro do centenario, máquinas antigas… etc.)
INSTALACIÓN DUN MAREÓGRAFO CON PEZAS DE SARGADELOS
Unha das principais actividades a realizar é a instalación dun reloxo de mareas completamente funcional, un “mareógrafo” ou “mareómetro”, que é un dispositivo que mide e rexistra as variacións do nivel do mar seguindo o ciclo lunar e calculando a altura das mareas en función da posición da lúa e o sol. Ou o que é o mesmo: un instrumento que permite rexistrar de forma numérica, gráfica, e dixital os movementos do mar.
O I.E.O. ten unha rede de aparataxe de mareógrafos e hai outras entidades como poden ser as Autoridades Portuarias que tamén dispoñen destes dispositivos; aínda que a nivel de localidades costeiras, a nivel nacional, trátase dunha instalación inusual, e pódese dicir que son moi poucos os existentes; por exemplo, o existente no Malecón do Castillo de San Sebastián.
O mareógrafo que vai construír a Confraría de Celeiro será de carácter exclusivo e especial, e que servirá para conmemorar o seu centenario; trátase dunha peza única que se situará na Praza do Náufrago, mesmo fronte á singular e emblemática sede social da entidade, que é un edificio de carácter tardo-modernista, protexido por Patrimonio, e que servirá para lembrar a traxectoria da Confraría e do sector pesqueiro de Celeiro a través dunha travesía centenaria, a través do tempo e as mareas.
O reloxo mareómetro preténdese que sexa un símbolo da tradición, identidade e patrimonio pesqueiro de Celeiro, buscando poñer en valor o patrimonio costeiro local. O mareometro que se instalará na Praza do Náufrago, pódese dicir que é case único en España, será unha peza singular, exclusiva e única identificativa do centenario da entidade pesqueira, e estará visible como parte do patrimonio costeiro local nun lugar emblemático, como é a Praza do Monumento ao Náufrago inaugurada en 1995 e que ten unha estatua de bronce, deseñada polo artista vivariense J.L. Neira Brochs, para render tributo aos falecidos no mar.
O deseño do reloxo corresponde a firma Lages Electrónica, e trátase dun instrumento artístico de 5 metros de altura dotado de dúas esferas (reloxo e mareógrafo), e tamén dotado de instrumentación de termómetro e barómetro, o que lle confire o valor de ser unha peza única.
A peza construirase en columna de ferro de fundición e as esferas artísticas serán construídas, - do mesmo xeito que o pé do mareógrafo en cerámica de Sargadelos-, o que lle confire un especial valor engadido.
Desde a entidade quíxose, -dada a importancia do Centenario-, facer unha peza única, exclusiva e diferente cun deseño e unha estética distintiva e que sexa recoñecida; así mesmo por iso optouse polo deseño e creación da cerámica de Sargadelos que mestura nas súas pezas de artesanía gran calidade, e que é unha cerámica de gran historia e tradición entrelazada coa cultura e a economía de Galicia, sen esquecer que os seus produtos foron declarados como “ben de interese cultural” o que contribuirá a subliñar aínda máis o noso patrimonio cultural pesqueiro.
O mareógrafo ou mareómetro levará instalado un cadro de mando e control electrónico cos seus equipos de medición e sondas. O orzamento para a construción cífrase ao redor dos 85.000 euros. A idea dos promotores é ter finalizada a obra para o mes de novembro do ano en curso.