CCOO denuncia a “grave desatención” nos partos e na planta de Xinecoloxía do Hospital da Mariña

A Federación de Sanidade de CCOO vén de facer pública unha denuncia contra a situación “insostible” que se vive no Hospital da Mariña nos servizos de partos e hospitalización de Xinecoloxía e Obstetricia. Segundo sinalan, o persoal de enfermaría e TCAE está sendo sistematicamente obrigado a abandonar o seu posto nunha unidade para cubrir necesidades na outra, o que deixa sen atención profesional directa un dos espazos asistenciais, “poñendo en risco a saúde das mulleres ingresadas”, subliñan.
Esta situación, que o sindicato cualifica como unha mostra evidente de sobrecarga e de risco psicosocial, mantense no tempo a pesar das advertencias trasladadas por escrito e no comité de seguridade e saúde laboral. “Non se pode normalizar que un só profesional atenda dúas unidades ao tempo”, denuncian, advertindo do impacto que isto supón tanto para o benestar dos traballadores como para a calidade asistencial das pacientes.
Ante o silencio da Xerencia da Área Sanitaria e a falta de medidas correctoras, CCOO dirixiuse á Inspección de Traballo para solicitar unha intervención urxente que obrigue a tomar decisións organizativas que garantan a cobertura axeitada destes servizos. “A saúde das mulleres da Mariña non pode seguir en mans da improvisación e do abandono”, reclaman.
Desde o sindicato insisten en que esta situación non se dá en ningún outro hospital público de Galicia, e consideran que o acontecido é un reflexo das “graves deficiencias de xestión” que sofre o Hospital da Mariña. Por iso, animan á cidadanía a secundar as concentracións de protesta que se están a organizar en defensa dunha sanidade pública digna e segura.