CCOO demanda que se repoñan as conexións diarias entre Ferrol e Ribadeo
Comisións Obreiras pide a reposición dos servizos ferroviarios de media distancia suprimidos na rede de ancho métrico para recuperar a situación previa á pandemia. O sindicato lembra que en marzo de 2020, coa entrada en vigor do primeiro estado de alarma, o Ministerio de Transportes e a dirección de Renfe decidiron suprimir numerosos trens. No caso da media distancia de ancho métrico, perdeuse o 75 % do servizo en Galicia.
O sector Ferroviario de CCOO esixe a recuperación dos servizos suprimidos, dado que están catalogados como obrigas de servizo público, concepto polo cal Renfe percibe subvencións. O sindicato sinala, ademais, a especial importancia que representan para as comarcas afectadas, Ortegal e A Mariña.
"Non é de recibo que na actualidade só circule un único tren por sentido entre Ferrol e Ribadeo", reprocha o coordinador do sector Ferroviario de CCOO de Galicia, Gegorio Bermejo. "Isto prexudica a mobilidade da cidadanía e, en moitos casos, supón que só se poida realizar un dos traxectos e se impida regresar no mesmo día".
Ao coordinador do sector Ferroviario de CCOO cónstalle que "a algúns usuarios supúxolles a perda do emprego por non poder adaptar o horario do servizo de transporte ao seu horario de traballo".
Outro motivo para demandar a reposición dos servizos é que, durante a época estival, as comarcas antes mencionadas reciben un número importante de visitantes e usan o transporte ferroviario para os desprazamentos entre os municipios.
Por todo isto, CCOO demanda que se repoñan "axiña" as dúas conexións diarias entre Ferrol e Ribadeo, así como a segunda conexión con Asturias, que existían antes do primeiro decreto do estado de alarma.