Catro parroquias de Lourenzá terán fibra óptica a finais de verán
Ata 1.000 vivendas de Santa María e San Xurxo no Concello de Lourenzá teñen, neste mes de xuño, conexión a Internet de alta velocidade proporcionada por Adamo. Pero aínda serán máis, xa que a compañía continuará expandindo a súa propia fibra óptica -de 1.000 MB, a máis rápida que existe hoxe no mercado- no Concello durante a época estival. En concreto, o operador activará o seu sinal noutros 300 fogares de San Tomé e Santo Adrao entre xullo e agosto. Como consecuencia, as catro parroquias de Lourenzá terán fibra óptica a finais de verán.
Adamo conta para este despregamento coa colaboración das autoridades locais, en particular, da alcaldesa, Rocío López. Iso quedou de manifesto na presentación do servizo que proporciona a compañía, efectuada recentemente ante a rexedora por David Llano, responsable de Adamo en Galicia.
Desta maneira, o operador prosegue co seu desenvolvemento en Lugo, provincia na que xa fornece sinal a 50.000 fogares, facendo especial fincapé na zona da Mariña. Entre outros concellos, en Begonte, Cervo, A Fonsagrada, Xove, Barreiros ou Foz, así como na parroquia de Celeiro.
Este paso en Lourenzá enmárcase na firme aposta da empresa por esta rexión galega, na que instalará Internet de alta velocidade en 26.530 inmobles ao longo de 2021 e 2022. Sumados ás 50.000 actuais, Adamo alcanzará un total que pasa as 76.500 vivendas na súa rede lucense a finais do próximo ano.