Catro actividades en catro días no Ribadeo 4x4
Ribadeo 4x4 é un evento organizado polo Concello de Ribadeo en colaboración con Acisa no marco da iniciativa SetembroXNatural. Esta iniciativa procura persoas aventureiras con gañas de gozar dos atractivos da nosa contorna natural.
Aos participantes propoñémoslles un gran reto: realizar 4 actividades da oferta de turismo activo de Ribadeo integrada nesta iniciativa en 4 días consecutivos -fin de semana incluído- no mes de setembro. Para isto os participantes contarán cunha tarxeta persoal que terán que ir selando na medida que realicen actividades.
Os participantes que consigan realizar o gran reto, que consiste en obter 4 selos de actividades diferentes en 4 días consecutivos, conseguirán activar automaticamente a súa tarxeta converténdoa nunha tarxeta moedeiro. Esta será individual e intransferible por valor de 20 euros para gastar en establecementos da hostalería ribadense asociados a Acisa. As recompensas deberán disfrutarse no propio mes de setembro.
Os participantes deberán estar atentos xa que nesta edición do Ribadeo 4x4 dispoñemos dun límite de 50 tarxetas moedeiro. Aqueles que consigan realizar este gran reto, pero non poidan activar a súa tarxeta moedeiro polos motivos que sexa entrarán a formar parte do sorteo dunha estancia en Ribadeo con aloxamento, almorzo e unha comida para dúas persoas (fora da época estival) valorada en 200 euros e en establecementos integrados en Acisa Ribadeo.
Haberá tamén un gran premio para aqueles súper aventureiros que cheguen a realizar 6 actividades en 4 días, que constará tamén dunha estancia en Ribadeo con aloxamento, almorzo e unha comida para dúas persoas (tamén fora da época estival) valorada en 200 euros e en establecementos integrados en Acisa máis un set de produtos galegos.