Castelao percorre as aulas de Ribadeo nunha exposición con mirada crítica e memoria viva

AMariñaXa
A mostra “Castelao e os irmáns da liberdade” achega a traxectoria política, artística e humana do rianxeiro ao alumnado local no marco do Ano Castelao 2025
antes-de-nos-xoan-forneas-castelao
28 May 2025

Ata o 13 de xuño, Ribadeo convértese nun dos epicentros da memoria histórica galega coa chegada da exposición itinerante Castelao e os irmáns da liberdade, unha proposta educativa e cultural que percorre os centros de ensino do municipio e culmina con dúas proxeccións audiovisuais na Casa do Concello.

A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, salientou a importancia de achegar esta mostra á mocidade, pois “recolle, con rigor e sensibilidade, a vida e o pensamento dun dos grandes referentes da Galicia do século XX”. A exposición arrincou este luns no CIFP Porta da Auga, onde permanecerá ata mañá, martes. Despois pasará polo IES de Ribadeo Dionisio Gamallo (29 e 30 de maio), o Colexio Sagrado Corazón (2 e 3 de xuño), o CEIP Gregorio Sanz (4 e 5 de xuño) e finalizará a súa estadía ribadense na Oficina de Turismo do 6 ao 13 de xuño.

A mostra está composta por 14 paneis de grandes dimensións —85 x 200 cm— que permiten facer un percorrido cronolóxico pola vida, obra e loita política de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. As fotografías que a acompañan son obra de José Luis Abalo e completan unha proposta pensada para emocionar, educar e fomentar o pensamento crítico.

Mais o proxecto vai máis alá do formato expositivo. Trátase dunha obra multimedia do realizador Xan Leira, que inclúe documentais e espazos para o diálogo. O 15 de xuño, ás 20:00 h, terá lugar no Salón dos Alcaldes a proxección do filme Consello de Galiza, goberno galego no exilio, seguida dun coloquio con Leira, o secretario xeral do Partido Galeguista, Francisco López “Chesqui”, e o alcalde de Ribadeo, Dani Vega. O 22 de xuño, tamén ás 20:00 h e no mesmo espazo, será proxectado o documental que dá nome á exposición, Castelao e os irmáns da liberdade, cun novo coloquio co director.

A iniciativa insírese dentro das conmemoracións do 75 cabodano do falecemento de Castelao, no marco do Ano Castelao 2025. “É unha oportunidade para redescubrir o seu legado humanista e comprometido”, sinalou Sanjurjo, quen lembrou que “Castelao foi un dos grandes artífices da cultura galega contemporánea, e aínda hoxe a súa voz resoa con forza entre as xeracións máis novas”.

A figura de Castelao, lembrada a miúdo en paralelo con líderes mundiais como Mahatma Gandhi ou Nelson Mandela, continúa sendo símbolo de dignidade e de loita pacífica. Primeiro a través da arte, logo coa palabra e finalmente coa acción política, Castelao soubo representar o sentir dun pobo que, malia a adversidade, nunca deixou de loitar por unha Galicia libre, xusta e con voz propia.

⚙ Configurar cookies
0.11326789855957