Rematadas as obras da pista multideporte de Trabada

AMariñaXa
O Concello de Trabada informa do remate das obras de construción dunha nova pista multideporte no Ceip Celso Currás
1 Pista multideporte Trabada  1
15 Dec 2022

O Concello de Trabada informa do remate das obras de construción dunha nova pista multideporte no CEIP Plurilingüe Celso Currás, mellorando desta forma as infraestruturas para o alumnado e para a veciñanza en xeral.

Para a posta en marcha da instalación, cun orzamento de 91,676 euros, a alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, xestionou e tramitou persoalmente unha subvención da Xunta de Galicia (70.870 euros) e un convenio de colaboración coa Área de Deportes da Deputación de Lugo (20.806 euros).

A nova pista multideporte modular permite a práctica de varias modalidades deportivas no mesmo espazo, unha zona multixogo e polifuncional para nenos e nenas de todas as idades. Conta cun peche perimetral e un equipamento cos máis altos estándares de seguridade e calidade.

“Damos un paso máis na aposta do concello por aumentar e mellorar as instalacións deportivas de Trabada”, afirma a alcaldesa, Mayra García Bermúdez.

Recentemente, o concello realizou obras de mellora e equipamento do ximnasio municipal e dos vestiarios do pavillón de Trabada; reformas no pavillón da parroquia de Sante, e a construción da pista de pádel municipal, que se encontra precisamente no mesmo emprazamento que a nova pista multideporte.

O espazo estaba ocupado por unha antiga pista deportiva en desuso onde antigamente se practicaba fútbol afeccionado, porque o campo non cumpría coas medidas regulamentarias.

“Seguimos intentando darlle uso a unha instalación que estaba en desuso despois da mala xestión do PP de Trabada, que enterrou 502.000 euros nun campo inservible, porque despois de facer esa inversión déronse conta de que o campo non cumpría coas medidas regulamentarias”, lamenta García Bermúdez.

De feito, consta en dependencias municipais unha memoria técnica de outubro do 2014 para a adecuación á medida normativa, un proxecto no que despois de gastar o diñeiro facendo as gradas se demolerían as escaleiras de acceso e as tres primeiras gradas cun orzamento de 76.235,13 euros.

“Nós dende que chegamos ao goberno quixemos ofertar un amplo número de servizos e actividades deportivas e saudables, para o que é necesario contar coas infraestruturas adecuadas, e sen dúbida esta nova pista multideporte donde se pode xogar ao fútbol, baloncesto, balonmán, vóley, tenis ou bádminton é unha boa mostra”, engade a alcaldesa.

pista multideporte trabada rematada
0.19573211669922