Carmen Veiga Rodríguez volve ser elixida como secretaria xeral do PSdeG-PSOE de Barreiros

A agrupación socialista de Barreiros celebrou unha asemblea na que foi renovada a súa Comisión Executiva Municipal, que volve estar liderada por María Carmen Veiga Rodríguez, quen resultou reelixida como secretaria xeral. A militancia avalou así a súa xestión á fronte da agrupación e o labor desenvolvido desde o goberno municipal, onde ocupa a segunda tenencia de alcaldía e a responsabilidade na área de Servizos Sociais e do Servizo de Axuda no Fogar.
A nova executiva combina continuidade e renovación, e entre os seus membros figuran Jorge David Vázquez Grande como vicesecretario xeral, Ramón Oural Castro como secretario de organización e Miguel Veiga Rodríguez como secretario de política municipal, entre outros. A agrupación tamén elixiu os seus representantes no Comité Provincial.
Durante a súa intervención, Carmen Veiga agradeceu o apoio recibido e comprometeuse a seguir impulsando un proxecto de progreso para Barreiros, baseado na proximidade coa veciñanza, a defensa dos servizos públicos e a cooperación institucional. Nos últimos anos, a dirección socialista local logrou avances como a mellora do sistema informático do Concello, o asfaltado de vías provinciais, convenios sociais para dotación de material asistencial e o impulso dun novo apeadeiro de ADIF, entre outros.
Un dos logros máis destacados da súa etapa foi a transformación do Servizo de Axuda no Fogar nun modelo de xestión pública directa, con condicións laborais dignas e custos máis eficientes para o Concello. Este modelo permite actualmente manter 35 nóminas activas con 20 profesionais a xornada completa, e conta cunha planificación de quendas que garante dereitos laborais e descanso para o persoal.
A nova executiva afronta este novo mandato co obxectivo de continuar traballando pola igualdade de oportunidades, o desenvolvemento sostible e a mellora constante dos servizos municipais.