Carmen Mariño toma o relevo no BNG de Viveiro tras a saída de Martínez Castro

O Bloque Nacionalista Galego de Viveiro vén de culminar o proceso de reorganización do seu grupo municipal cun relevo na representación institucional. Carmen Mariño Caneiro asumirá a acta de concelleira, substituíndo a Juan Ramón Martínez Castro, quen decidiu abandonar o cargo por motivos persoais.
Mariño, veciña de Magazos e graduada en Relacións Laborais, incorpórase ao grupo nacionalista nun momento clave, coa vista posta nas eleccións municipais de 2027. Desde a asemblea local destacan o seu perfil, definíndoa como unha persoa “comprometida, con capacidade técnica de xestión e cunha grande solvencia” para contribuír ao desenvolvemento do proxecto político no concello.
A súa entrada prodúcese tras a renuncia de Martínez Castro, quen quixo explicar que, malia dar este paso atrás na primeira liña institucional, manterá o seu vínculo coa política local. Segundo indicou, continuará colaborando coa organización e apoiando o traballo do BNG en Viveiro, amosando a súa confianza na liña de actuación da formación.
Desde o propio grupo municipal valoran de maneira positiva a traxectoria do edil saínte. A portavoz, Iria Cotelo, puxo en valor o seu labor durante o actual mandato, facendo fincapé na súa implicación co rural e na proximidade mantida coa veciñanza. Neste sentido, destacou que Martínez Castro chegou a converterse nun referente nas parroquias, sendo unha persoa de confianza para moitos veciños e veciñas.
Cotelo tamén quixo agradecer publicamente o traballo realizado ao longo destes anos e amosou a súa satisfacción por poder seguir contando coa súa colaboración, aínda que xa fóra da corporación municipal. Ao mesmo tempo, expresou o seu convencemento de que a incorporación de Carmen Mariño reforzará o equipo e permitirá dar continuidade á liña de traballo marcada polo grupo nacionalista.
Con este relevo, o BNG de Viveiro encara unha nova etapa na que busca consolidar o seu proxecto político e ampliar a súa presenza no municipio, apostando por perfís renovados que contribúan a fortalecer a súa acción institucional.