Carmela López, rexedora de Burela: "É unha responsabilidade moi grande e unha honra”
Por Ana Somoza López.
A socialista, Carmela López, é a nova rexedora do Concello de Burela, e di que fará deste municipio unha referencia de boas políticas municipais e de bo trato aos veciños. Foi Concelleira de Servizos Sociais e Mar no anterior Goberno e sinala que deu “un paso adiante para seguir mellorando a vila".
Finalmente no houbo sorpresas no acto de investidura. Como sinte ser alcaldesa?
Pois o que sinto estas semanas é moita emoción é que non se me borra o sorriso da cara porque a nivel persoal e laboral creo que non hai nada máis grande que ser alcaldesa do meu pobo. É unha honra, unha responsabilidade e un agradecemento tan grande, que o que quero é dalo todo e non defraudar.
No seu discurso dixo: Vou dalo todo por Burela. Que significa para vostede?
Significa que quero mellorar e axudar en todo o que poida ao pobo. Que vou a estar ao 100 % en todas as tarefas, que vou traballar duro, que non nos chegarán as horas do día para adicarllas a esta vila e que chamaremos a todas das administración cantas veces sexa necesario para que apoien a Burela.
Xa formaba parte do anterior equipo de goberno. Así que xa conta con algo de experiencia, non?
Si, eu creo que foi fundamental. Estar no anterior equipo de Goberno aínda que sexa noutro posto permitiume coñecer moitisimo o funcionamento da admisnitración local, como é por dentro e que camiños existen para levar a cabo proxectos.
Como ex edil de Servizos Sociais, terá agarimo por esta concellería. Ten algún proxecto para estes servizos?
A verdade é que si, e por iso e por destacar un, temos enriba da mesa o de conseguir unha residencia para persoas con diversidade funcional e que debemos levar a cabo e culminalo.
No relativo ás actividades hai que desenvolver programas de prevención son moi importantes no ámbito socio sanitario.
Cales son algúns dos obxectivos para Burela?
Chegamos cargados de proxectos bos para mellorar a vida dos veciños e veciñas, para abrir
novos espazos cos que compartir a vida diaria do pobo, para dinamizar os sectores produtivos que se merecen os nosos traballadores, empresarios e autónomos. Temos que mellorar a vida de Burela e non vai quedar esforzo por facer para conseguilo.
Apostamos por unha Burela máis inclusiva, máis sostible e mellor conectada para conseguir maior dinamismo e maior promoción a todos os niveis.
Continuará cos proxectos herdados de Llano?
Hai expedientes abertos que herdamos e que por suposto hai que consumar, pero, e certo que o noso proxecto ou a nosa folla de ruta é algo novo e que nace dun equipo renovado.
Este ano será a súa primeira Feira do Bonito como alcaldesa. Que espera da celebración?
Recoñezo que me fai especial ilusión esta festa como burelesa, e de feito, na miña vida nunca me perdín unha porque a teño marcada no meu calendario ano tras a ano.
Espero estar á altura como alcaldesa e poderlles proporcionar da mellor maneira os medios para este evento, pois hai que apostar moito por ela xa que é a feira que nos define pois non hai outra Feira do Bonito e iso é un valor que hai que recoñecer. Temos que estar moi orgullosos dela.
O seu programa era un mapa do concello. Pode contarnos un pouco que fará?
Pois principalmente quero unha vila máis amable e con espazos para vivir máis na rúa. Isto pasa por reformular todo un pouco, é dicir, actuacións en prazas, nos parques, crear novos espazos de xogo e de lecer, e tamén facer actuacións moi necesarias como é a da da grada da Marosa ou a canceira municipal, que son infraestruturas moi importantes para a nosa vila.
Burela ten por diante para estes anos dúas grandes tarefas. Dunha parte, facela máis accesible, máis vivible, e cunha mellora dos seus equipamentos e infraestruturas.
E doutra parte, relanzar a proxección de Burela para atraer o mellor para a vila. Este é un municipio cun enorme potencial de crecemento e de visibilidade. Temos que ir en busca das oportunidades para o municipio, non esperar que nos veñan soas. Non hai tempo que perder nin oportunidade que desaproveitar. Con esa consciencia e con esa responsabilidade chego á Alcaldía.
Cre que a oposición será colaboradora? Ademais neste mandato inclúese Son Burela.
O día da investidura xa lles transmitin que máis alá das lóxicas e lexítimas discrepancias ofrézolles e pídolles que nos entendamos no importante, no que nos une para mellorar Burela.
Eles representan a unha parte importante dos veciños e teñen o meu respecto e tamén a miña disposición para conseguilo en beneficio de Burela, que é a prioridade.