Carmela López entregou á Confraría de Pescadores de Burela a Medalla de Honra do Concello
A Confraría de Pescadores de Burela recibiu a Medalla de Honra do Concello de Burela nun acto no que participou o deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, e a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, xunto á alcaldesa de Burela, Carmela López.
A cita, que tivo lugar no Salón de Plenos, tivo como obxectivo recoñecer a contribución deste colectivo ao progreso da vila e o Patrón da Confraría, Basilio Otero, recolleu o distintivo de mans da alcaldesa de Burela.
O acto, ao que tamén asistiron diferentes representantes do tecido social, concelleiros e concelleiras, e veciños e veciñas do municipio; puxo en valor o labor da Confraría durante os seus 100 anos, xa que actúa como órgano de consulta e colaboración coas administracións na promoción do sector pesqueiro, representando os intereses económicos, sociais e corporativos dos seus profesionais.
A subdelegada, pola súa parte, destacou todos os impulsos que realizan os pescadores de Burela para seguir mantendo o alto nivel de actividade pesqueira do porto do municipio e agradeceu todas as actividades e traballos que realizan os pescadores na xestión das áreas mariñas así como a responsabilidade que ofrecen no cumprimento da materia de pesca.
https://galiciaxa.com/2023/11/amxa/zonas-amxa/burela-amxa/239175/