Carmela López destaca o crecente atractivo do castiñeiro de Cinoce como reclamo turístico

AMariñaXa
O aumento de visitantes leva ao Concello a estudar cambios para mellorar a mobilidade na Vila do Medio
CASTIÑEIRO-BURELA-Cinoche-2025
9 Apr 2026

A alcaldesa de Burela, Carmela López, puxo en valor o impacto positivo que está a ter o castiñeiro de Cinoce, convertido nun elemento de interese que atrae cada vez a máis visitantes á zona da Vila do Medio.

Segundo trasladou, este incremento de afluencia supón unha boa noticia tanto para a proxección do lugar como para a dinamización da contorna. A revalorización do espazo está a espertar o interese de persoas chegadas de distintos puntos, que se achegan para coñecer de preto este enclave.

Ante esta situación, e tras manter conversas coa veciñanza, o Concello prevé introducir pequenos cambios co obxectivo de mellorar a organización do tráfico e ampliar o espazo destinado aos peóns. A intención é adaptar a zona ao aumento de visitantes sen perder de vista as necesidades das persoas residentes, limitando o acceso para só vehículos dos residentes en varios camiños; ademais, o espazo no que se atopa a árbore, que forma parte do camiño circular de Burela, será soamente para peóns.

Neste sentido, desde o goberno local subliñan que todas as actuacións estarán orientadas a priorizar ás veciñas e veciños, garantindo unha convivencia equilibrada entre o uso turístico e a vida diaria na Vila do Medio.

0.11692309379578