Carmela López defende en Cabo Verde que a igualdade debe guiar todas as políticas públicas

AMariñaXa
A presidenta da Deputación de Lugo participou no II Encontro Internacional de Mulleres Electas celebrado en Praia, onde presentou iniciativas impulsadas desde a institución provincial e o Concello de Burela
BURELA-Cabo-Verde-Foro-as-Elixidas-2026
13 Mar 2026

A presidenta da Deputación de Lugo e alcaldesa de Burela, Carmela López, participou este xoves como relatora no II Encontro Internacional de Mulleres Electas 'As Elixidas', que se celebra na cidade de Praia, en Cabo Verde. Durante a súa intervención, a responsable provincial subliñou que a igualdade debe converterse no eixo central que oriente a acción política das administracións públicas.

A intervención de López produciuse na mesa dedicada ás boas prácticas municipais con perspectiva de xénero, un espazo de debate no que compartiu experiencias e iniciativas desenvolvidas desde as institucións locais. Segundo explicou, a igualdade non pode tratarse como unha política illada nin secundaria dentro da acción pública. “A igualdade ten que ser o eixo que marque calquera decisión política e tamén a forma na que miramos a realidade desde as institucións. Non pode ser unha política complementaria, senón o criterio que guíe todas as políticas públicas”, afirmou.

Durante a súa participación neste foro internacional, a presidenta da Deputación presentou diferentes iniciativas promovidas tanto desde a institución provincial como desde o Concello de Burela para avanzar cara a unha maior igualdade entre mulleres e homes. Entre as ferramentas destacadas, puxo en valor a importancia dos plans de igualdade como instrumentos clave para estruturar e consolidar este tipo de políticas dentro das administracións públicas.

López tamén fixo referencia á necesidade de impulsar actuacións que favorezan o emprego feminino e contribúan a fixar poboación no territorio, especialmente no medio rural. Neste sentido, destacou que garantir oportunidades laborais e facilitar a conciliación resulta fundamental para asegurar o futuro destas zonas. “Se as mulleres viven no rural, o rural pode ter futuro. Por iso é fundamental impulsar políticas que faciliten a conciliación, a igualdade de oportunidades e o acceso ao emprego”, sinalou.

Como exemplo de iniciativas que avanzan nesta liña, mencionou a rede de centros de atención a maiores impulsada pola Deputación de Lugo, que ademais de ofrecer servizos asistenciais contribúe á creación de emprego e á dinamización do territorio.

Durante a súa intervención, a presidenta provincial tamén destacou o papel que desempeñan os Centros de Información á Muller nos concellos, aos que definiu como servizos fundamentais para ofrecer apoio, asesoramento e acompañamento ás mulleres, así como para promover políticas locais de igualdade.

A educación ocupou igualmente un lugar destacado na súa intervención. López subliñou que a formación en valores é unha ferramenta esencial para avanzar cara a sociedades máis xustas e igualitarias. “A igualdade constrúese tamén desde a educación. Formar ás novas xeracións en valores de respecto, igualdade e convivencia é fundamental para avanzar cara a sociedades máis xustas”, afirmou.

A mesa de debate contou tamén coa participación da alcaldesa de Mocuba, Manuela Opincai, e da coordinadora da área de decisións do Instituto Caboverdiano para a Igualdade e Equidade de Xénero, Alice Silva.

O encontro, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade xunto coa Asociación Nacional de Municipios de Cabo Verde, reúne en Praia a máis de 130 alcaldesas e concelleiras procedentes de Cabo Verde, Mozambique e Galicia. Baixo o lema “Electas no local, unha voz global”, o foro pretende favorecer o intercambio de experiencias e impulsar unha maior participación das mulleres nos espazos de decisión política a nivel municipal.

0.11820101737976